Estás en:Novas

A Deputación da Coruña desenvolve o programa "Machismos sen miopías" nos concellos de Rianxo, Fene, Teo e Padrón

A discriminación na lingua, na sanidade e no consumo son os tres eixes dos obradoiros para previr a violencia contra as mulleres

A Deputación da Coruña desenvolve o programa

Os días 10 e 12 en Rianxo, 9 e 11 en Fene, 10 en Teo e 11 e 13 en Padrón desenvolverase o programa "Machismos Sen Miopías", impulsado pola área de Igualdade da Deputación da Coruña co fin de xerar espazos colectivos nos que traballar a identificación de violencias machistas invisibilizadas.

A área de Igualdade da Deputación da Coruña continúa co seu programa de obradoiros de sensibilización contra a violencia machista que se prolongarán até o día 13 e se realizarán na vindeira semana nos concellos de Rianxo, Fene, Teo e Padrón, completando o conxunto de dez municipios en que se realiza a iniciativa.

"O conxunto de obradoiros forma parte do programa de accións de carácter informativo, formativo e de sensibilización que se promoven desde a área de Igualdade da Deputación da Coruña co fin de erradicar a violencia machista", sinala a deputada de Igualdade, María Muíño. Os obradoiros de "Machismo sen miopías", apunta a Deputada, están dirixidos á poboación xeral con "obxectivo de contribuír á prevención, sensibilización e identificación da violencia de xénero e confluirán nunha mostra arredor das violencias invisíbeis

O 10 e 12 de decembro, o Centro Sociocultural de Rianxo acollerá de 17:00 a 19.30h o obradoiro "As violencias machistas: unha lingua excluínte" no que se analizará quen fala, onde fala, como fala e que fala. A través das respostas a estas preguntas desvelaranse as formas de violencia ocultas na psique colectiva.

"A saúde: unha cuestión de xénero" é o título do taller que os días 9 e 10 de decembro se realizará no C. Municipal de Servizos Sociais en horario de 16.30 a 19:00 horas para abordar a violencia institucional que afecta á saúde das mulleres. A atención nas consultas médicas, a violencia obstétrica, a patoloxización ou a medicalización dos corpos das mulleres será algúns dos temas que se abordarán na iniciativa.

Dous concellos acollen neste mes de decembro a proposta "Consumindo violencias machistas" que en Teo se desenvolve o día 10 a súa segunda sesión, na Casa común de Cacheiras de 17.30 a 20:00 horas e en Padrón terá lugar dos días 11 a 13 de decembro, no CIM, Servizos Sociais de 17:00 a 19.30 horas. Trátase, neste caso, de sesións que se centrarán no feito do consumo non ser un acto inocuo senón que envolve múltiples formas de violencia contra as mulleres. O obradoiro apostará por tomar consciencia desta realidade para promover cambios cara á igualdade desde o papel de consumidoras e consumidores.

Páxinas suxeridas