Estás en:Novas

A Deputación da Coruña colabora co Festival Internacional de Cine Infantil de Ames

A Deputación da Coruña colabora co Festival Internacional de Cine Infantil de Ames

A área de Cultura da Deputación da Coruña a través da liña de axudas de festivais para concellos, colabora na terceira edición do Festival Internacional de Cine Infantil de Ames que hoxe se presentou na Casa do Concello, coa presenza do deputado de Cultura, Xurxo Couto. Organizado polo Concello de Ames co apoio da Deputación da Coruña, desenvolverase entre o 11 e 15 de decembro, alternando os dous auditorios do Concello: o de Bertamiráns e o do Milladoiro.

Durante tres días proxectaranse máis de 50 curtametraxes de todo o mundo. Realizarase un taller de stop motion, mesas redondas, poderanse ver curtas do FICBueu, e haberá unha festa dos vídeoclips. O acto de presentación do III Festival Internacional de Cine Infantil de Ames correu a cargo do primeiro tenente de alcalde, David Santomil, da concelleira de Cultura, Natividade González, do deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xosé Xurxo Couto Rodríguez, do responsable da empresa Patio de Luces Producciones SC, Diego Ruíz Hernández, e do director de produción do Festival, Juan de Castro.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, destacou a conveniencia de organizar un Festival de Cine Infantil nun concello que está á cabeza de natalidade e fixo fincapé no interese de crear novos públicos para a cultura con iniciativas destinadas á xente máis nova. Ademais, Couto explicou que o apoio a este evento forma parte das liñas de axuda da Deputación da Coruña a festivais organizados por concellos e entidades, nos que se apoian tamén outros festivais para público infantil da comarca como Titiriberia de Teo ou Galicreques de Santiago de Compostela.

Programación do III Festival Internacional de Cine Infantil

Ao igual que en pasadas edicións, a oferta está composta por unha selección de curtas nacionais e internacionais divididas en dous bloques por idades: Axóuxeres, para nenos e nenas a partir de dous anos, e Buxainas, para aqueles que xa teñan os sete anos. Ademais desta selección oficial a concurso, a programación complétase con actividades pensadas para estimular o gusto polo cinema nos nenos e nenas ao tempo que se quere incentivar a creación de cine para a infancia.

Nesta liña, contarase con sesións específicas para escolares, unha mesa redonda, obradoiros, sesións musicais e proxeccións complementarias. As actividades comezan o mércores día 11 de decembro, cunha mesa redonda sobre "A importancia do audiovisual e as TIC como ferramentas educativas". Desenvolverase ás 19.00 horas na Aula 4 da Casa da Cultura do Milladoiro. Xa o venres 13 de decembro, ás 18.00 horas na Casa da cultura de Bertamiráns, realizarase a sesión inaugural "Cancións e trebellos do Cé Orquestra Pantasma", coa posterior sección oficial de curtas de Buxainas. Esta sesión inaugural é de entrada gratuíta. Posteriormente o sábado 14, na Casa da Cultura do Milladoiro, realizaranse durante todo o día diversas proxeccións. Comezase ás 12.00 horas coa sección de curtas "Criaturas Salvaxes I" de Axóuxeres, seguindo as 12.45 horas coa sección "Pequenas aventuras" de Buxainas. Pola tarde, ás 17.00 horas, hai unha sesión oficial de Axóuxeres, seguida ás 17.45 dunha sección oficial de curtas de Buxainas. Para rematar o día, ás 18.45 horas haberá un pase de curtas da produtora Oqo xunto coa proxección da longametraxe "O pequeno mago" ás 19.30 horas.

Como colofón final ao festival, o domingo 15 de decembro na Casa da Cultura do Milladoiro terán lugar diversas proxeccións. Empezan ás 12.00 horas con "Criaturas Salvaxes 2" e proseguirá coa "Festa dos Videoclips Galegos". Xa pola tarde, ás 17.00 horas, proxectaranse curtas do festival do concello de Bueu "FicBueu", para proseguir ás 18.00 horas coa clausura e entrega de premios aos gañadores do festival.

Talleres de stop motion

O sábado 14 e o domingo 15 de decembro tamén se desenvolverán talleres de stop motion, para que os nenos e nenas de 7 a 12 anos aprendan a facer as súas propias películas. A animación stop motion non só é unha ferramenta fantástica para que a rapazada poida expresarse e desenvolver a súa imaxinación. Ao tratarse dunha técnica totalmente artesanal e multidisciplinar, permítelles explorar diversos campos como son o modelado, a pintura, fotografía, escritura e por suposto, a imaxinación.

Desta maneira, o sábado 14 desenvolverase o taller na Casa da Cultura de Bertamiráns e o domingo 15 na Casa da Cultura do Milladoiro, ambos en horario de 11.00 a 12.00 horas. Para inscribirse pódese chamar ao 981 535 949 ou enviando un correo a cultura@concellodeames.gal. Venta de entradas O prezo das entradas ás sesións é de 2 euros para maiores de 18 anos e 1 euro para os menores, e pódense conseguir na billeteira electrónica do concello. Existen tres sesións gratuítas, que son a inaugural, a de clausura e a "Festa dos Videoclips Galegos". Aínda así, é preciso retirar entrada para todas as sesións, sexan ou non de balde.