Estás en:Novas

O Concello de Carnota solicita a colaboración da Deputación para dotar dun auditorio ao centro sociocultural do Viso

Gonzalez Formoso pide un proxecto para completar as obras deste centro cultural reformado pola Deputación, que acolle unha escola de música na que se forman 172 persoas de toda a comarca.
O presidente anuncia que, co apoio da Deputación, Carnota será protagonista dunha das etapas de La Vuelta Ciclista a España que discorrerá por Lariño, Carnota, San Mamede, Panchés, Quilmas e O Pindo para rematar na espectacular suba ao miradoiro do Ézaro (Dumbría)
A Deputación investiu máis de catro millóns de euros nos últimos anos para mellorar as infraestruturas e servizos de Carnota

O Concello de Carnota solicita a colaboración da Deputación para dotar dun auditorio ao centro sociocultural do Viso

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou esta mañá unha visita institucional ao Concello de Carnota, onde supervisou diversas infraestruturas financiadas polo ente provincial no municipio.
Acompañado do alcalde, Juan Manuel Saborido, do deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, e de membros do goberno municipal, González Formoso visitou a Casa do Concello, cuxas obras de rehabilitación foron financiadas con 89.600 euros pola Deputación, dotando ao consistorio dunha nova impermeabilización das fachadas, amaño da cuberta de tella e reordenación e pintado das dependencias interiores.

González Formoso e Juan Manuel Saborido visitaron despois o centro sociocultural do Viso, onde Deputación e Concello investiron 200.000 euros para acondicionar aulas e biblioteca e pór en funcionamento as dúas plantas do inmoble, que acolle a Escola de música de Carnota, na que se forman 172 persoas de varios municipios da comarca en diferentes disciplinas musicais.

O alcalde e os responsables do centro destacaron que se trata dunha "auténtica canteira musical" da comarca da que xorden numerosos grupos e talentos musicais, coma Hadara and the Rythmans, que veñen de quedar no terceiro posto do premio Narf de música da Deputación.

O presidente e o alcalde percorreron tamén o espazo do inmoble que se prevé dedicar a auditorio e que aínda está sen completar, polo que solicitou o apoio económico da Deputación para facer realidade este vello proxecto. "Temos madeira pero non onde cortala", exemplificou o alcalde que destacou a necesidade do municipio de contar con espazo no que desenvolver actividades culturais coma obras de teatro, concertos ou o festival de Nadal.

González Formoso destacou "o interese do proxecto para completar esta importante infraestrutura cultural e dar saída ao gran caudal de talento que se forma na escola de música" e pediu ao rexedor que remita á Deputación un proxecto técnico actualizado co custe que suporían as obras e as actuacións que sería necesario acometer para pór en funcionamento o espazo.

4 millóns de investimento

O presidente destacou a contribución da Deputación para dotar ao Concello de Carnota de mellores infraestruturas e servizos. "Nos últimos catro anos, a Deputación investiu en Carnota máis de 4 millóns de euros, unha parte importante deles a través do Plan Único, financiando obras coma esta do centro do Viso e a do centro sociocultural de Cornido, a piques de rematar, pero tamén numerosos proxectos de mellora das redes de saneamento e abastecemento de augas e pavimentación de camiños ou construción de beirarrúas".

Carnota será protagonista de La Vuelta

Formoso anunciou tamén que "co apoio da Deputación, Carnota será protagonista en setembro na Volta Ciclista a España", cunha etapa que, partindo de Muros, atravesará Lariño, Carnota, San Mamede, Panchés, Quilmas e O Pindo para rematar na espectacular suba ao miradoiro do Ézaro, en Dumbría. "Estamos seguros de que as imaxes da beleza natural de Carnota van impresionar a millóns de espectadores deste espectáculo deportivo en todo o mundo", afirmou o presidente.

Valentín González Formoso e Juan Manuel Saborido subiron despois ao miradoiro de Louredo, cunhas espectaculares vistas do municipio. O alcalde solicitou a transferencia á Deputación da estrada que dá acceso a este singular enclave. "Trátase dunha estrada que a día de hoxe supón o principal acceso a Carnota desde A Coruña ou Santiago e cremos que é necesario investir na mellora da seguridade e na conservación do vial, algo que o Concello de Carnota non pode acometer só", afirmou o alcalde.

González Formoso comprometeuse a trasladar esta petición ao servizo de Vías e Obras que dirixe José Manuel Pequeño para analizar o seu custe e viabilidade ou a estudar fórmulas de colaboración que permitan mellorar a seguridade da estrada entre ambas as dúas administracións.

Páxinas suxeridas