Estás en:Novas

A tecnolóxica coruñesa Igalia, a cooperativa cultural compostelá Numax e Estudio 1917 Makeup gañan os premios PEL da Deputación ás mellores iniciativas empresariais da provincia da Coruña

O Concello de Vedra e a Asociación de Empresarios de Ferrolterra completan a nómina de gañadores nas distintas categorías do galardón

Tamén houbo un recoñecemento para a mellor comunicadora en materia de Emprego, Industria e Economía, que recaeu na xornalista Beatriz García Couce

González Formoso destaca que "a Deputación da Coruña coincide coas empresas e entidades premiadas nunha idea fundamental: a de facer país"

O presidente afirma que a Deputación seguirá "implicándose a fondo en plans coma o PEL, que suman os esforzos dos sectores público e privado para dar solución ao principal problema deste país: o desemprego"

A tecnolóxica coruñesa Igalia, a cooperativa cultural compostelá Numax e Estudio 1917 Makeup gañan os premios PEL da Deputación ás mellores iniciativas empresariais da provincia da Coruña

O Pazo de Mariñán (Bergondo) acolleu esta noite o acto de entrega da III edición dos premios PEL, uns galardóns cos que a Deputación da Coruña recoñece cada ano as mellores empresas da provincia e que este ano se amplía ás iniciativas de asociacións, concellos e empresas en materia de emprego e aposta polo desenvolvemento económico.

O acto, conducido polo popular actor Marcos Pereiro, contou coa asistencia do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o vicepresidente, Xosé Regueira, o deputado responsable da área de Emprego e alcalde de Culleredo, José Ramón Riobóo; o presidente do xurado e da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla, así como numerosos alcaldes e unha nutrida representación do mundo empresarial da provincia da Coruña.

A tecnolóxica coruñesa Igalia recibiu o galardón á Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada pola súa traxectoria de case dúas décadas no ámbito do software libre, que a sitúan como líder mundial na consultaría de tecnoloxías web, traballando coas grandes empresas internacionais do ámbito tecnolóxico. Entre outros proxectos, axudou a mellorar os navegadores de Google Chrome e Safari, de Apple. Pechou 2018 cunha facturación de máis de 8,5 millóns de euros e conta cun cadro de persoal de 43 empregados (a maioría socios da empresa) en distintos lugares do mundo.

A empresa compostelá Estudio 1917 MakeUp, creada hai menos dun ano e especializada en maquillaxe e caracterización para producións audiovisuais e moda, foi galardoada como Mellor Inicativa Empresarial Nova. O xurado valorou a orixinalidade da idea e os numerosos traballos que desenvolven nun campo en continuo crecemento, coma o sector audiovisual galego.

No premio ás iniciativas empresariais xeradoras de emprego, a galardoada foi a cooperativa cultural compostelá Numax, que desenvolve distintas actividades relacionadas co cinema e a industria cultural e que, en apenas catro anos de traxectoria, conseguiu pasar de 3 a 14 postos de traballo, 11 dos cales son como socios/as da cooperativa.

Ademais de recuperar o cine independente e en versión orixinal no corazón de Santiago cun proxecto cultural cooperativo inédito en España, Numax impulsou a recuperación do Cine Duplex de Ferrol e é a distribuidora de "O Que Arde", o filme en galego de Oliver Laxe que gañou o premio de xurado en Cannes e que competirá coas grandes producións españolas de 2019 por facerse cos premios Goya á mellor película, mellor dirección, mellor actriz e mellor fotografía.

Como novidade, este ano os premios PEL recoñeceron tamén as iniciativas dos municipios coruñeses que traballan pola creación de emprego de calidade, onde o xurado decidiu seleccionar entre as 14 candidaturas presentadas nesta categoría ao Concello de Vedra polos seus programas de apoio ao emprendemento no rural, entre os que destaca a posta en marcha dun centro coworking localizado en Santa Cruz de Ribadulla e de xestión municipal.

Na categoría de mellor asociación empresarial da provincia impúxose a Asociación de Empresarios de Ferrolterra, polos numerosos servizos de apoio e asesoramento que presta aos seus 153 asociados dende a súa creación en 1992.

Tamén houbo un recoñecemento para o mellor comunicador/a en materia de Emprego, Industria e Economía, que recaeu na xornalista de La Voz de Galicia en Ferrol, Beatriz García Couce, cunha dilatada experiencia profesional neste ámbito.

Empresas e institucións públicas que traballan para "facer país"

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, foi o encargado de entregar os galardóns e destacou a gran calidade das 84 candidaturas que este ano concorreron ao certame nas diferentes categorías, "unha boa mostra do enorme potencial que ten a provincia da Coruña para continuar innovando e impulsando proxectos empresariais de éxito que nos permitan seguir sendo o motor do desenvolvemento económico de Galicia", afirmou.

González Formoso destacou que "a Deputación coincide coas empresas e entidades premiadas esta noite nunha idea fundamental: a de facer país" e apuntou que, en eidos tan diversos coma a tecnoloxía, a cultura ou a moda, "a provincia da Coruña sitúase á vangarda con empresas que comezan de xeito moi modesto, pero que teñen unha gran proxección de futuro"

"Hoxe premiamos ás empresas, pero sobre todo premiamos o talento e o esforzo das persoas que hai detrás delas", afirmou o presidente, que lembrou que o Plan de Emprego Local (PEL) que dá nome a estes galardóns partiu tamén dunha idea ambiciosa: converter á Deputación, que apenas desenvolvía actividade no eido do emprego, no maior axente activo de promoción de emprego da provincia.

"Así foi como naceu o PEL, un plan que, en catro anos, permitiu a 2.565 persoas incorporarse ao mercado laboral e axudou a máis de 1.800 emprendedoras e emprendedores da provincia a facer realidade as súas ideas de negocio", apuntou González Formoso, que considerou "necesario" que as administracións sigan "implicándose a fondo en plans coma o PEL, que suman os esforzos dos sectores público e privado para dar solución ao principal problema deste país: o desemprego".

Pola súa banda, Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios da Coruña e tamén presidente do xurado, agradeceu á Deputación da Coruña o impulso a "unha brillante iniciativa que valoriza a innovación, o esforzo e a responsabilidade social das nosas empresas" e destacou o elevado nivel das empresas que concorreron aos premios e a profesionalidade do xurado, composto por José Manuel Cotos, profesor titular da USC; José Andrés Faíña, presidente do Grupo de investigación de Competencia e Desenvolvemento da Unión Europea da UDC; Carlos Fernández Bermúdez, vicepresidente da Cámara de Comercio da Coruña; Rosa Mary Cardeso, secretaria da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e Isabel Ferro, xerente de I+D na empresa Calvo.

A esta terceira edición dos premios PEL presentáronse un total de 84 candidaturas nas diferentes categorías, seis máis que na pasada edición. Estas candidaturas, tan dispares como innovadoras, abranguían actividades como a loxística internacional, a fabricación e deseño de garabatas, panos e paxarelas exclusivos, a produción e comercialización de kombucha e demais probióticos, negocios relacionados co turismo e o márketing, un espazo de coworking, ou empresas dedicadas a desenvolver apps que tentan facer a vida máis sinxela.

Cada un dos galardoados recibiu un trofeo de olería de Buño, un diploma acreditativo e un premio en metálico de 15.000 euros.

Páxinas suxeridas