Estás en:Novas

A Deputación adxudica por 678.931 euros a construción de 5 quilómetros de sendas peonís no Camiño de Fisterra ao seu paso por Negreira


As beirarrúas discorrerán polas marxes da estrada DP5603 de Negreira a Marco do Cornado

A Deputación adxudica por 678.931 euros a construción de 5 quilómetros de sendas peonís no Camiño de Fisterra ao seu paso por Negreira

A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 678.931 euros as obras de construción de 5 quilómetros de peonís na estrada DP5603, de Negreira a Marco do Condado, pola que discorre a prolongación do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía.

A este orzamento hai que sumar outros 119.116 euros que a institución provincial xa destinou á expropiación dos predios necesarios para executar os traballos.

As obras na DP 5603 de Negreira a Marco do Cornado realizaranse en catro tramos situados entre os puntos quilométricos 1+430 e 2+170, 7+300 e 7+820, 8+750 e 10+770 e do 11+110 ao 12+900.

As novas sendas terán dous metros de ancho e realizaranse en lastro artificial estabilizada con cemento, o que proporciona un firme brando e cómodo para camiñar longas distancias.

As obras están incluídas no Plan de Sendas Peonís, que pretende mellorar a seguridade viaria dos peóns en todas as vías de titularidade provincial. Así mesmo, a Deputación realiza este tipo de actuacións especialmente naqueles tramos polos que discorren as sendas xacobeas, co obxectivo de mellorar as dotacións para os peregrinos e evitar que teñan que transitar pola calzada ou as beiravías, co consecuente perigo.

Ademais das sendas en Negreira, a Deputación proxecto ou xa construíu outros itinerarios peonís en estradas provinciais polas que pasa a prolongación de Fisterra e Muxía, nos concellos de Dumbría, Muxía e Santa Comba.

Páxinas suxeridas