Estás en:Novas

A Deputación financia as obras de rehabilitación da escola unitaria do Couto, en Padrón

O presidente Valentín González Formoso e o alcalde, Antonio Fernández, asinaron o convenio de colaboración

A Deputación financiará preto do 80% das obras de rehabilitación da escola, na que estudan 16 nenos e nenas do municipio

A Deputación financia as obras de rehabilitación da escola unitaria do Couto, en Padrón

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, asinaron o convenio polo que a institución provincial financiará as obras de rehabilitación e reforma da escola unitaria do Couto.

Os traballos suporán un investimento de 70.000 euros, dos que a Deputación achegará o 79,2%, 55.500 euros, para arranxar o grave problema de derrubamento das fachadas laterais e as continuas filtracións de auga no interior do inmoble, demolendo as follas exteriores das mesmas para colocar unhas novas e aproveitando para colocar illamento interior na cámara de aire.

Tamén se demolerá a cuberta actual de fibrocemento para substituíla por unha nova de aceiro con acabado de similar tella, así coma os canalóns e baixantes do edificio.

Dotarase ao inmoble de nova carpintería exterior de aluminio con vidros dobres laminados e rotura de ponte térmica, pechadura de seguridade e persiana de PVC e disporase dun sistema de illamento térmico exterior en todas as fachadas, así como o pintado completo da escola, na que estudan 16 nenos e nenas do municipio.