Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Boiro trazan liñas de traballo comúns na área de educación

A Deputación e o Concello de Boiro trazan liñas de traballo comúns na área de educación

A deputada provincial encargada da área de Educación e Xuventude, Sandra González, reuniuse esta mañá no Concello de Boiro co alcalde, José Ramón Romero, e a concelleira de Educación, María Outeiral, para trazar liñas de traballo comúns entre ambas as dúas administracións en materia educativa.

O obxectivo da xuntanza foi coñecer o estado do Concello no eido educativo e tamén as posibles liñas de colaboración entre a administración local e a Deputación da Coruña. A concelleira encargada da área de Educación deulle a coñecer á deputada os proxectos que ata o de agora se están levando a cabo entre o Concello e os centros educativos do municipio e tamén lle expuxo propostas que desde a Concellería de Cultura se queren impulsar para a xuventude, sobre todo para os adolescentes, xa que é unha franxa de idade que conta con menos iniciativas pensadas para eles.

A idea desta primeira visita foi coñecer, por un lado, as posibles liñas de colaboración que desde a Deputación poden ofrecer aos concellos e, por outra, presentarlle as propostas de programas en materia educativa que, desde o Concello, se pretenden levar a cabo nos centros de ensino municipais.
Nesta primeira visita oficial a Boiro, a concelleira e a deputada visitaron o CEIP de Escarabote para falar co persoal da dirección. Sandra González mostrouse interesada en seguir visitando os centros educativos de Boiro en futuras visitas para seguir coñecendo as propostas que se realizan de proxectos educativos e pensados para a mocidade.