Estás en:Novas

A Deputación da Coruña inviste 300.000 euros na adquisición dun camión 4x4 para traballos de mantemento de estradas en Aranga, Irixoa, Monfero e Vilarmaior

O vehículo destinarase a traballos de limpeza de rúas e estradas, usarase como quitaneves e contará con grúa e motobomba para efectuar outros traballos de reparación e mantemento de infraestruturas públicas

A Deputación da Coruña inviste 300.000 euros na adquisición dun camión 4x4  para traballos de mantemento de estradas en Aranga, Irixoa, Monfero e Vilarmaior

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Aranga, Alberto Platas Álvarez, na súa condición de presidente da Comunidade Intermunicipal Lambre-Mandeo que integra aos concellos de Aranga, Irixoa, Monfero e Vilarmaior, asinaron esta mañá na sede da institución provincial un convenio polo que a Deputación financiará a adquisición dun camión 4x4 que se destinará a conservación e mantemento de estradas e espazos públicos.

O camión estará dotado dunha folla quitaneve e un esparexedor de salmoeira para solucionar os problemas de acceso que no inverno sofren moitas aldeas a causa da neve; un equipo motobomba para realizar tarefas de limpeza de beirarrúas e marquesiñas, así coma labores de mantemento en vías municipais.

As características do camión complétanse con unha grúa elevadora para traballos de poda de árbores e reparación nas luminarias públicas; un polbo con rotor de xiro para recollida de plásticos agrícolas nas explotacións gandeiras e un gravilladoiro para a realización de traballos de conservación das vías municipais dos catro concellos da comunidade.