Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Negreira investirán preto de 192.000 euros para evitar as inundacións na rúa Teresa Fabeiro Caamaño

As obras incluirán a construción dunha nova rede de pluviais e saneamento e a reurbanización desta céntrica rúa

A Deputación e o Concello de Negreira investirán preto de 192.000 euros para evitar as inundacións na rúa Teresa Fabeiro Caamaño

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio polo que ambas as dúas administracións financiarán as obras de reurbanización e mellora da rúa Teresa Fabeiro Caamaño, no centro urbano da localidade.

Os traballos suporán un investimento de 191.906,85 euros, dos que o 80% (153.525,88 €) serán achegados pola Deputación e servirán para evitar as inundacións que periodicamente se producen en sotos, garaxes e baixos comerciais e que afectan a outras rúas adxacentes (Rosalía de Castro, Rúa do Tambre, Rúa Castelao...), así como o retorno de augas fecais que afecta entre outras instalacións ao CEIP O Coto debido ao exceso de caudal e a aos continuos atascos que se producen na deficiente rede de saneamento actual.

As obras consistirán na construción dunha nova rede separativa de pluviais e fecais, que discorrerá ao longo de toda a rúa e que estará dimensionada para evitar a carga excesiva que colapsa a rede actual, facilitando un mellor rendemento da EDAR e beneficiando tanto aos veciños da zona coma as instalacións educativas da zona.

Os traballos inclúen tamén a reurbanización posterior da zona, o reasfaltado da rúa e pintado das marcas viais, pasos de peóns e demais sinaléctica.