Estás en:Novas

A Deputación da Coruña colabora coa AELG na promoción da creación literaria galega

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, e o presidente da asociación, Cesáreo Sánchez Iglesias asinaron o acordo para o apoio da programación anual

A Deputación da Coruña colabora coa AELG na promoción da creación literaria galega

O responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, o o presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, asinaron o convenio de colaboración para o financiamento da programación cultural anual de difusión e promoción da creación literaria galega.

A través do convenio, a Deputación da Coruña achega á AELG un total de 38.000 € destinados a apoiar a organización das actividades das distintas liñas de traballo relacionadas coa literatura galega. Entre os distintos ámbitos de traballo que se inclúen no convenio atópase a posta en valor da literatura clásica e de tradición oral con actividades como o proxecto Mestras/es da Memoria, o Día de Rosalía ou a propia Gala do Libro Galego que se organiza en colaboración coas asociación de librarías e editoras.

No ámbito da colaboración inclúense tamén iniciativas para a difusión da actualidade do sistema literario e dos contidos da web da AELG, en especial, a través das redes sociais e por medio da axenda cultural que se actualiza constantemente. A formación é tamén outra das liñas de actuación que se inclúen no convenio con actividades como a Escola de Escritoras/es ou as Xornadas de Literatura Dramática, iniciativas que se suman ao mantemento de infraestruturas tecnolóxicas ou a propia asesoría laboral contábel e fiscal da entidade.

"Desde a Área de Cultura da Deputación da Coruña recoñecemos o labor da AELG na difusión da nosa literatura e na organización de actividades de especial relevancia para dar a coñecer a creación literaria en lingua galega así como de apoio a escritores e escritoras do país, co cal para nós é de especial interese prestar o noso apoio á programación que cada ano organiza a asociación", destaca o deputado de Cultura, Xurxo Couto.