Estás en:Novas

A provincia da Coruña, protagonista dun selo de Correos

O presidente da Deputación e o directo de Filatelia de Correos presentaron hoxe o selo que forma parte da serie filatélica "12 meses, 12 sellos"

Contén imaxes da Torre de Hércules, o Castelo de Vimianzo, a Igrexa de San Martiño de Noia, o Camiño de Santiago e as Fragas do Eume

A provincia da Coruña, protagonista dun selo de Correos

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o director de Filatelia de Correos, Modesto Fraguas Herrera, presentaron esta mañá na sede da institución provincial o novo selo da serie "12 meses, 12 sellos" dedicado á provincia da Coruña.

González Formoso agradeceu que Correos dedique o selo do mes de xaneiro á provincia coruñesa "permitindo que algúns dos principais emblemas culturais, naturais e patrimoniais desta terra coma a Torre de Hércules, o Castelo de Vimianzo ou o Camiño de Santiago viaxen por carta a todos os recunchos de España".

O selo está formado por un mosaico de imaxes don distintos elementos característicos da provincia, que dan forma ás súas iniciais "AC". A letra A intégrana a Torre de Hércules e as almeas do Castelo de Vimianzo. Na parte superior da letra C pódese observar a madeira que simboliza o bastón dos peregrinos que percorren o Camiño de Santiago. A Ruta Xacobea tamén está presente co símbolo da concha da vieira, enmarcado nun dos seus característicos azulexos azuis. Completa a letra, na súa parte inferior, o rosetón da Igrexa de San Martiño de Noia.

As iniciais figuran sobre un fondo no que se observa a imaxe da ponte sobre o río Sesín, no parque natural das Fragas do Eume.

Este selo, cun valor facial de 65 céntimos que permite franquear unha carta con destino a calquera provincia española, súmase aos máis de 90 que Correos ten dedicado á provincia e a diversos motivos coruñeses.

Entre as emisións recentes, destaca o dedicado en 2019 ao Camiño Primitivo, co cruceiro de Melide como motivo, e o de 2018 en homenaxe á declaración de Santiago de Compostela como Patrimonio da Humanidade da Unesco, en 1985.