Estás en:Novas

Compostela Rupestre avanza coa presentación dun informe coas necesidades máis urxentes do patrimonio arqueolóxico dos cinco concellos

A Deputación da Coruña financia o proxecto que quere impulsar, conservar e difundir os petróglifos do territorio.

Na xuntanza acordouse a elaboración dun plan de xestión para asentar as bases do desenvolvemento do proxecto.

Compostela Rupestre avanza coa presentación dun informe coas necesidades máis urxentes do patrimonio arqueolóxico dos cinco concellos

O concello de Ames acolleu este martes unha nova xuntanza do Consello de Dirección de Compostela Rupestre, a primeira presidida polo seu tenente de alcalde David Santomil, co obxecto de dar o visto e prace ao informe que detecta as necesidades máis urxentes dos bens patrimoniais. Na xuntanza, acordouse acelerar a elaboración dun plan de xestión co fin de asentar a constitución do parque arqueolóxico.

O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira e o deputado de Patrimonio e Contratación da Deputación da Coruña, Xosé Regueira e Xosé Lois Penas ademais de persoal técnico do departamento de Turismo participaron xunto con representantes dos cinco concellos implicados nunha nova xuntanza do Consello de Dirección de Compostela Rupestre que tiña como obxecto dar pasos adiante no proxecto que conta xa con identidade corporativa propia e páxina web.

Por parte dos concellos participaron na xuntanza o tenente de alcalde do concello de Ames, David Santomil -presidente do Consello de Dirección de carácter rotatorio-, o alcalde de Brión, Xosé Lois García, a tenente alcalde de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón e as concelleiras de Teo, Iria Otero e Maite Argibay.

Na xuntanza, presentouse o informe final elaborado pola empresa Horizonte Norte por parte do arqueólogo director, Mario César Vila que explicou as liñas fundamentais dun documento que detecta as necesidades máis urxentes dos bens patrimoniais de Compostela Rupestre.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, destacou a rigorosidade do informe presentado e urxiu a "acelerar a elaboración do plan de xestión que consolidaría o proxecto e facilitaría tamén a tramitación administrativa de todas as fases contempladas, desde a compra de terreos até a posta en marcha de estratexias de aproveitamento e posta en valor do patrimonio, de carácter turístico, educativo, de divulgación científica e mesmo de implicación da veciñanza".

O presidente do Consello de Dirección de Compostela Rupestre, David Santomil, apuntou a "necesidade de preservar a seguridade dalgúns dos bens patrimoniais", en especial, despois das agresións producidas nalgúns dos petróglifos do territorio, como foi o caso do petróglifo do Vilar en Ames no ano 2013 ou no petróglifo do Castriño de Conxo no 2019.

O informe presentado por Mario César Vila contempla a revisión documental, catalogación, selección de cara a posta en valor e adquisición de terreos dos petróglifos e xacementos rupestres catalogados nos cinco concellos integrantes da mancomunidade da comarca de Compostela.

O documento será a base para a elaboración dun plan de xestión para conservar e difundir a arte rupestre nos cinco concellos, financiado e promovido pola Deputación da Coruña, que será obxecto de licitación neste ano 2020.

O equipo responsábel do traballo detectou tamén petróglifos inéditos e propuxo medidas correctoras urxentes como a limpeza de vexetación da contorna, información aos propietarios da existencia dos bens, fotogrametría de detalle e a diagnose dos elementos e propostas de conservación.

Como sinalou o arqueólogo Mario César Vila na súa explicación do informe, o traballo ofrece tamén o estudo dunha proposta de selección para a adquisición de terreos con gravados rupestres singulares e características axeitadas ademais da selección para a súa posta en valor. O traballo inclúe tamén propostas de cara á elaboración do plan de xestión, o estudo proposta de segregación para a adquisición de terreos con gravados rupestres e unha proposta de musealización 3D virtual.

Acordouse facer os traballos de limpeza e mantemento por parte das administracións locais e potenciar o roteiro dos petróglifos PRG-238 no Concello de Teo, que xa está homologado. Na xuntanza acordouse convocar proximamente o Consello asesor para validar os acordos e estudáronse tamén distintas propostas para a difusión e posta en valor de Compostela Rupestre.