Estás en:Novas

Dous centros da Coruña e un de Culleredo gañan os premios Concepción Arenal da Deputación da Coruña

A deputada de Igualdade, María Muíño, destaca a importancia de traballar desde o ensino na construción dun futuro sen discriminacións

Dous centros da Coruña e un de Culleredo gañan os premios Concepción Arenal da Deputación da Coruña

Un proxecto da Escola infantil de Montealto na modalidade de Educación Infantil, un do CEIP Sanjurjo de Carricarte na de Educación Primaria, os dous da Coruña, e un do IES Universidade Laboral de Cullleredo en Educación Secundaria son os gañadores da nova edición do Premio "Concepción Arenal" de proxectos educativos pola igualdade de xénero da Deputación da Coruña.

Un xurado composto pola socióloga, investigadora e especialista en estudos de xénero, Cristina Bajo, a técnica en políticas de igualdade, Verónica Rodríguez, a técnica de Servizos Sociais da Deputación, Paula Filgueiras coa deputada de Igualdade, María Muíño como presidenta e a xefa de sección, Carolina Buhigas como secretaria escolleron os proxectos dos centros de Montealto, Sanjurjo de Carricarte da Coruña e o IES da Universidade Laboral de Culleredo como gañadores do Premio Concepción Arenal de proxectos educativos pola igualdade.
"O premio supón unha iniciativa para desenvolver desde os centros de ensino proxectos que contribúan á igualdade nun ámbito de vital importancia para construír un futuro sen discriminación", sinalou a deputada de Igualdade, María Muíño.

"As maletas viaxeiras para a igualdade de xénero" da Escola Infantil de Montealto da Coruña foi o proxecto que resultou gañador na modalidade infantil do Concepción Arenal por ser, segundo o xurado, unha iniciativa "dinámica e participativa, con especial coidado na implicación das familias.

Pola súa parte, outro centro da Coruña, o CEIP Sanjurjo de Carricarte da Coruña, foi o gañador na modalidade de Educación primaria co traballo "Mais que unha liga de mulleres: Nós contamos, vós pintades, elas suman" do que o fallo destaca a "implicación de toda a comunidade, a alta xestión e coordinación do programa, así como o enfoque inclusivo da diversidade, a descrición de boas prácticas e a súa axeitada avaliación".

Finalmente, na modalidade para proxectos de Educación secundaria, o centro gañador resultou ser o IES Universidade Laboral de Culleredo co proxecto titulado "Camiñando cara a igualdade: xuntos debuxaremos portas violetas" do que o xurado valorou o "traballo continuado durante todo o curso, a participación e coordinación do alumnado e doutros axentes externos, e o enfoque transversal de xénero e igualdade, tendo en conta a realidade e as características do centro e a súa oferta educativa e o número de alumnado e profesorado entre outros indicadores.

Os premios están dotados con 5.000 € en cada unha das modalidades.