Estás en:Novas

"Quero Cantar" abre o prazo para presentar cancións a concurso

Todo o mundo a cantar! Desde este 15 de xaneiro ata o 15 de abril está aberto o prazo para presentar propostas ao concurso musical infantil “Quero Cantar”, convocado pola Deputación da Coruña.

As persoas interesadas en participar no “Quero Cantar” poden xa enviar unha maqueta en formato audio ou vídeo cunha canción orixinal e inédita en galego para se inscribir no primeiro concurso musical infantil na nosa lingua. A condición que teñen que cumprir é que a voz ou voces solistas sexan nenas ou nenos de ata 12 anos de idade. Para o resto de integrantes do grupo non se establece límite de idade.

Unha vez rematado este prazo procederase a unha primeira votación pública a través do Facebook. As dez primeiras clasificadas pasarán a formar parte dun CD que se ha distribuír a colexios de toda Galicia e que vai estar dispoñible tamén para libre descarga desde a páxina www.querocantar.gal.

De entre esas dez cancións, as cinco primeiras pasarán á gala final, que se vai celebrar no mes de maio no Teatro Colón da Coruña. Alí, un xurado formado por cinco nenas e nenos de educación primaria ha elixir a gañadora absoluta do Quero Cantar ’16. O premio para a primeira clasificada vai ser a gravación dun videoclip e 300 euros en material musical. A segunda clasificada recibirá 200 euros e a terceira, cuarta e quinta 100 euros cada unha, en todos os casos para destinar á compra de material musical.

O concurso, convocado pola área de normalización lingüística da que é responsábel a nacionalista Goretti Sanmartín, nace co espírito de incentivar a esa enorme cantidade de rapazas e rapaces que en toda Galicia alimentan a súa paixón pola música e se forman en escolas, bandas, coros ou asociacións.

Páxinas suxeridas