Estás en:Novas

A Deputación da Coruña abre a mostra do XIV Premio Luís Ksado de fotografía no Museo do Pobo Galego

A exposición, que estará aberta até o vindeiro 18 de febreiro inclúe as coleccións dos gañadores Alejandro Real e Javier Arcenillas ademais das finalistas

A Deputación da Coruña abre a mostra do XIV Premio Luís Ksado de fotografía no Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego acolleu este xoves 16 de xaneiro a inauguración da exposición das obras gañadoras e das finalistas do XIV Premio Ksado de fotografía da Deputación da Coruña. No acto, ademais do deputado da Área de Cultura, Xurxo Couto, interviron o director do Museo, Manuel Vilar, o comisario Xurxo Lobato, a concelleira de Santiago, Mercedes Rosón e un dos fotógrafos gañadores, o lugués Alejandro Real.

Ademais das series gañadoras de Alejadro Real, "Fillos de Breogán" e Javier Arcenillas "Bang border", a exposición inclúe as obras finalistas de Juan Medina, Rosa Taboada, Carlos López García e Fuco Reyes. No acto de inauguración, tres deles, Alejandro Real, Rosa Taboada e Carlos López, Carlús, presentaron as súas obras

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, destacou na súa intervención a alta calidade das obras expostas e a vontade da Deputación de "promover a creación cultural a través dos premios que convoca de distintas disciplinas e difundir as obras gañadoras en exposicións como esta que se abre no Museo do Pobo Galego e que visitará dez concellos da provincia".

No acto de inauguración, o gañador Alejandro Real explicou a orixe da súa "Fillos de Breogán", Rosa Taboada deu conta da historia que relata a súa colección "Os paraísos artificiais" e Carlos López (Calrús) transmitiu todo o que se vive nesa "epifanía Etíope" que capturou na súa obra.

Xunto coas coleccións de Javier Arcenillas -o outro gañador con "Bang border" , Juan Medina e o seu traballo sobre a memoria histórica e Fuco Reyes coa serie "Un breve momento de loucura" compoñen a mostra da XIV edición do Premio Luís Ksado da Deputación da Coruña que se inaugurou no Museo do Pobo Galego onde ficará aberta até o vindeiro 18 de febreiro.

Santiago de Compostela, Pontedeume, Rianxo, Narón, Melide, Arteixo, Culleredo, A Laracha, San Sadurniño e A Pobra do Caramiñal son os concellos que visitará a  exposición.

ITINERARIO DA EXPOSICIÓN

MUSEO DO POBO GALEGO
Santiago de Compostela
Do 16 de xaneiro ao 18 de febreiro

Casa da Cultura
PONTEDEUME
Do 19 de febreiro ao 10 de marzo

Casa da Cultura
RIANXO
Do 12 ao 31 de marzo

Pazo da Cultura
NARÓN
Do 1 ao 21 de abril

Casa da Cultura
MELIDE
Do 23 de abril ao 12 de maio

Centro Sociocultural
ARTEIXO
Do 14 de maio ao 2 de xuño

Sala Xosé Rey Lago
CULLEREDO
Do 4 ao 23 de xuño

Casa da Cultura
A LARACHA
Do 25 de xuño ao 14 de xullo

Casa do Concello
SAN SADURNIÑO
Do 16 de xullo ao 4 de agosto

Casa da Cultura Raquel Fernández Soler
A POBRA DO CARAMIÑAL
Do 6 ao 25 de agosto