Estás en:Novas

O Plan Único da Deputación financia obras de mellora da seguridade peonil en Teo

Saen a licitación por 204.357 euros as obras da senda que conectará a ponte do río Tella e a estrada AC-841

Este novo tramo suporá unha segunda fase as obras que están a punto de iniciarse entre Tarrío e Vilela para mellorar a seguridade dos viandantes na zona

O Plan Único da Deputación financia obras de mellora da seguridade peonil en Teo

O Plan Único da Deputación cofinanciará as obras de construción dunha nova senda peonil que conectará a ponte do río Tella coa estrada AC-841, no termo municipal de Teo.

As obras, actualmente en fase de licitación na Plataforma de Contratación do Estado, suporán un investimento de 204.357,46 euros, dos que 176.324,62 serán achegados pola institución provincial e 28.032,85 polo Concello de Teo.

O proxecto dará continuidade ás obras de construción dun itinerario peonil entre Tarrío e Vilanova, na parroquia de Recesende, cun investimento superior aos 209.000 euros. Estas obras,  adxudicadas recentemente, contan tamén con financiamento do Plan Único e está previsto que se inicien no vindeiro mes de febreiro.

A segunda fase, actualmente en licitación, conectará a ponte do río Tella e a estrada autonómica AC-841 cunha senda peonil que decorrerá pola marxe dereita da calzada.

Executarase unha beirarrúa de formigón coloreado de 1,50 metros de ancho, con algún estreitamento puntual de 1,20 metros. Na zona de conexión coa ponte do río Tella será necesaria a construción dun muro de contención das mesmas características que o existente na outra marxe do río.

As obras inclúen ademais a construción de tres pasos de peóns elevados e accesibles, que permitirán aos viandantes cruzar a estrada de forma segura e a construción dunha rede de recollida de pluviais baixo a senda.

Páxinas suxeridas