Estás en:Novas

A Deputación investirá 163.777 € na reparación da piscina de Lousame a través do Plan Único

As medidas inclúen a impermebealización do vaso da piscina, reparacións na sala de máquinas e instalación de luminarias LED para mellorar a eficiencia enerxética.

O Concello sacou as obras a licitación e as empresas poderán presentar as súas propostas ata o 24 de febreiro

A Deputación investirá 163.777 € na reparación da piscina de Lousame a través do Plan Único

A Deputación da Coruña financiará a través do Plan Único as obras de reparación da piscina do Concello de Lousame. A reforma contará cun investimento de 163.777,48 € e incluirá actuacións de impermeabilización do vaso, arranxos na sala de máquinas e na contorna da piscina e mellora na eficiencia enerxética da instalación. O Concello sacou a licitación as obras e as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 24 de febreiro.

As medidas que se levarán a cabo incluirán o impermeabilizado do vaso da piscina, a instalación dunha nova electrobomba centrífuga e actuacións de mellora e renovación na sala de máquinas. Á súa vez, tamén se perfeccionarán as zonas exteriores mediante a súa pavimentación, mellorando a seguridade das persoas que se atopen alí. Ademais, ampliarase a área de praia da piscina nun total de 4 metros de ancho. Na reforma incluirase a colocación de novas luminarias LED no exterior, nos vestiarios e na cafetería co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética das instalacións, entre outras moitas medidas que se levarán a cabo na piscina de Lousame para mellorar e adaptar as instalacións ás necesidades actuais.

Páxinas suxeridas