Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destina case un millón de euros ás entidades do sector turístico para a mellora da calidade

Os entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos poderán presentar ata o vindeiro día 29 de febreiro as súas propostas á liña de axudas en concorrencia competitiva á que a Deputación da Coruña destina un total de 875.000 €. O obxectivo da liña, que promove a área de Turismo, é a mellora da calidade, competitividade e actividades do sector.

A Deputación da Coruña destina case un millón de euros ás entidades do sector turístico para a mellora da calidade

O 29 de febreiro é o último día do prazo para que entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos se presenten á liña de axudas para a mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas para a que a Deputación da Coruña conta cun orzamento de 875.000 €.

Poderán concorrer os consorcios turísticos e mancomunidades, as asociacións turísticas que teñen como finalidade a xestión dun xeodestino ademais de estar participadas, como mínimo, do 75% dos concellos do territorio ademais doutros modelos de entes de xestión turística e asociación sen ánimo de lucro que realicen actividades turísticas e manteñan oficinas operativas e atendidas en edificios singulares ou significativos.

"A liña de axudas supón traballar de maneira cooperativa con concellos e entidades para a mellora da calidade do sector turístico e a súa profesionalización, o que tamén se realiza a través das entidades que operan no ámbito turístico que son de especial relevancia neste ámbito para o que a xestión do territorio é de especial relevancia", sinala o vicepresidente e deputado da Área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira.

Con esta liña de axudas, a Área de Turismo subvencionará actuacións en materia de calidade na prestación dos servizos no territorio encamiñados á profesionalización do sector, a organización e celebracións e eventos turísticos, iniciativas de desenvolvemento de produtos ou a xestión técnica dos entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios. Os proxectos serán subvencionados cun máximo de 120.000 €, un 80% do orzamento de gastos presentado.

Os criterios de valoración á hora de puntuar as solicitudes presentadas computará, entre outros, o número de prazas de aloxamento turísticos no territorio, a poboación residente, as festas de interese turístico galego ou estatal, a valoración técnica do proxecto presentado, a capacidade de autofinanciamento e o emprego do galego.

Na pasada edición da liña, dez foron as entidades que se beneficiaron da subvención para a realización de accións formativas, desenvolvementos de produtos turísticos, plans de mellora de calidade e competitividade ou programas de promoción turística. Entidades como o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, o ente de Turismo de Santiago de Compostela, a Asociación de Empresarios de Promoción Turística de Camariñas, a Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, a Asociación de Turismo da Costa da Morte, a Asociación Rural de Desenvolvemento Ría de Muros-Noia ou as mancomunidades de concellos de Ferrol e a Ría Arousa-Norte, Asociación Comarca Ortegal, Asociación Muxía Natural foron as que viron os seus proxectos apoiados pola Área de Turismo da Deputación da Coruña na convocatoria do pasado ano.

Máis información, nesta ligazón do BOP:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2020/02/11/2020_0000000978.html