Estás en:Novas

A Deputación da Coruña achega ás asociacións máis de trescentos mil euros para a promoción da igualdade e a loita contra a violencia machista

As entidades poderán presentar solicitudes até o día 13 de marzo

A Deputación da Coruña achega ás asociacións máis de trescentos mil euros para a promoción da igualdade e a loita contra a violencia machista

A área de Igualdade da Deputación da Coruña destina un total de 319.000 € a unha liña de axudas que teñen como obxecto promover políticas de igualdade de oportunidades e loita contra a violencia machista. As entidades que queiran participar no programa poderán presentar as súas solicitudes até o día 13 de marzo de 2020.

A través dunha liña de axudas en concorrencia competitiva, a área de Igualdade da Deputación da Coruña apoia a actividade das asociacións que loitan pola igualdade de oportunidades e contra a violencia machista. "Para nós o programa destinado a apoiar o labor das asociacións que loitan pola igualdade é de especial relevancia xa que supón traballar man a man con quen desenvolve accións ao longo de todo o territorio para eliminar o sexismo e a violencia", explica a deputada de Igualdade, María Muíño que valora moi positivamente o resultado desta liña de axudas que afortala o tecido de asociacións feministas.

As entidades terán até o día 13 de marzo para presentar os seus proxectos que poderán recibir axudas que van desde 1.000 até 40.000 euros. Por medio da liña de axuda, a Deputación da Coruña apoia programas de promoción da igualdade de oportunidades de empoderamento e participación social, de fomento da igualdade de xénero, de fomento do emprego en igualdade de oportunidades ou de conciliación e responsabilidades compartidas.

En canto as iniciativas de loita contra a violencia machista, subvenciónanse accións de prevención, sensibilización e identificación da violencia ou tratamento integral das persoas que as padecen. "Nun contexto como o que vivimos, é fundamental o compromiso das institucións na loita contra o machismo, única maneira de combater o feminicidio e, nese sentido, queremos traballar conxuntamente coas entidades que, día a día, están a desenvolver un labor importantísimo de concienciación, prevención e acompañamento das mulleres que padecen agresións", explica María Muíño. 

Páxinas suxeridas