Estás en:Novas

Sesenta mulleres de Ponteceso visitan o Pazo de Mariñán

Sesenta mulleres de Ponteceso visitan o Pazo de Mariñán

O Pazo de Mariñán recibiu este xoves a visita de sesenta mulleres do concello de Ponteceso que participaron nunha xornada de actividade cultural promovida pola Deputación da Coruña coa colaboración da Fundación Eduardo Pondal e a Casa da Muller. A área de Igualdade e a de Patrimonio da Deputación da Coruña participou nesta iniciativa que tiña como obxectivo achegar ás mulleres a un ben patrimonial histórico.

Os xardíns e as instalacións do Pazo de Mariñán acolleron na mañá deste xoves a visita de sesenta mulleres do concello de Ponteceso que participaron nunha actividade que tiña como fin dar a coñecer un dos principais bens patrimoniais da Deputación da Coruña.

Despois da visita á Casa de Emilia Pardo Bazán, as mulleres que participaron na actividade visitaron as distintas instalacións do Pazo na compañía da deputada de Igualdade, María Muíño, que as convidou a continuar "con actividades coma esta de socialización, ocio e cultura que son imprescindíbeis a todas as idades e que desde a Deputación da Coruña nos comprace en apoiar".

Destacou tamén a importancia dun "tecido asociativo forte e do que significa para a dinamización cultural e social nun concello como Ponteceso e, de maneira especial, para as mulleres que participan activamente na programación que se desenvolve ao longo do ano".