Estás en:Novas

González Formoso compromete o apoio da Deputación para reactivar as obras do centro de día de Cariño

O presidente provincial visitou hoxe o municipio e mostrou a disposición da Deputación a colaborar coa Xunta de Galicia e o Concello para "retomar as obras e dotar a Cariño dunha infraestrutura moi necesaria e demandada pola veciñanza"
Tras rematar os traballos previos de traslado de postes de luz e teléfono, a Deputación comezará en breve as obras de mellora da seguridade na DP 6121, principal vía de acceso ao municipio
A Deputación atenderá a demanda do alcalde de encargar un proxecto de mellora da seguridade no cruzamento  das estradas DP 6119 e DP 6121, en Landoi
González Formoso e Alonso Pumar visitaron a conserveira La Pureza, "un emblema da tradición conserveira de Cariño"

González Formoso compromete o apoio da Deputación para reactivar as obras do centro de día de Cariño

A Deputación da Coruña está  disposta a colaborar coa Xunta de Galicia e o Concello de Cariño para reactivar as obras de construción do centro de día e residencia de maiores da localidade, paralizadas hai case unha década debido á quebra da empresa construtora.

Así o comunicou hoxe o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, durante a visita institucional que realizou ao municipio, na que amosou a disposición do goberno provincial a "prestar a súa colaboración técnica e económica para retomar as obras dunha infraestrutura moi necesaria e demandada pola veciñanza".
Acompañado do alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, da deputada de Benestar Social, Ana Lamas, e dos membros do goberno municipal, o presidente provincial visitou o edificio, practicamente acabado, no que o rexedor explicou a necesidade de "activar un proxecto para rematar a adaptación exterior e interior do inmoble, que dará servizo aos numerosos veciños de Cariño e da súa área de influencia que demandan unha infraestrutura destas características".

Formoso afirmou que "é unha pena que edificios coma este que foron pensados e deseñados para prestar un servizo a un sector sensible da sociedade que precisa de apoio público como os nosos maiores acaben no abandono" e subliñou "o enorme esforzo do goberno municipal para salvar todo tipo de obstáculos xudiciais, bancarios, financeiros e burocráticos" e finalizar o edificio. "Será un orgullo poder colaborar co concello neste tema", afirmou.

José Miguel Alonso Pumar agradeceu a "estreita colaboración", durante os últimos anos dos servizos provinciais de Asistencia aos Concellos "no longo e difícil proceso xudicial e burocrático de valoración dos danos e prexuízos que nos ocasionou a liquidación da empresa", así como a disposición do goberno provincial de González Formoso para prestar a súa axuda "nunhas obras necesarias para non deixar sumido no abandono este proxecto e impedir que siga deteriorándose un edificio que está xa nunha fase moi avanzada", afirmou.

O alcalde lembrou ademais o compromiso adquirido no seu día pola Consellería de Política Social da Xunta de asumir con 150.000 euros parte do financiamento das obras de terminación de inmoble "para dar servizo á veciñanza de Cariño".

Melloras da seguridade viaria en Cariño

O presidente da Deputación e o alcalde de Cariño visitaron tamén o núcleo da Ortigueira, onde a Deputación inviste actualmente 316.218 euros nas obras de mellora da seguridade viaria da DP 6121, a principal vía de acceso ao municipio. Un orzamento ao que se suman os 92.959 euros investidos pola Deputación nas expropiacións necesarias para a execución dos traballos.

Valentín González Formoso confirmou que, tras os traballos de traslado dos postes dos servizos de electricidade e telefonía, practicamente rematados, comezarán nas vindeiras semanas as obras de demolición dunha edificación que reduce a visibildade na zona e de execución dunha variante e unha nova ponte para desdobrar a circulación que discorrerá paralela á ponte actual e que separará os dous sentidos do tráfico con carrís de 3,5 metros de ancho en cada sentido que garantan unha circulación segura para os vehículos.

Segundo explicou o presidente provincial, a actual ponte sobe o río Lourido está protexida patrimonialmente, polo que non foi posible ampliala nin modificar a súa xeometría actual, motivo polo que se optou pola construción dunha nova variante, que se executará en taboleiro prefabricado de 7,75 metros dun só vano, con cinco vigas de tipo dobre T, nunha das vías que rexistra maior tráfico pesado da rede provincial de estradas. As obras incluirán tamén a instalación de barreiras de protección que garantan a seguridade do tránsito peonil na zona.

González Formoso, Alonso Pumar e Ana Lamas visitaron tamén, acompañados do presidente da asociación de veciños de Landoi, Ángel Luis Pena, a zona de intersección das estradas provinciais DP 6119 e DP 6121, onde o alcalde demandou á Deputación a redacción dun proxecto que "axude a mellorar a visibilidade e a incorporación de vehículos en condicións de seguridade".

"Todos os veciños de Landoi saen por esta estrada cando se dirixen a Cariño e atópanse cun cruzamento moi perigoso, polo que pedimos anchear a estrada e dotala dun novo carril que permita incorporarse en condicións de seguridade", afirmou ao alcalde.

González Formoso trasladou a petición do rexedor aos técnicos do Servizo de Vías e Obras para a súa valoración técnica e económica.

Unha conserveira con case un século de historia

Valentín González Formoso e José Miguel Alonso Pumar visitaron tamén durante a mañá de hoxe a fábrica de conservas La Pureza, todo un emblema do municipio dende a súa fundación en 1924.
Formoso destacou a "tradición conserveira" de Cariño, que a principios do século XX acolleu decenas de empresas de salazón e conserva de peixe, das que hoxe só sobrevive La Pureza, que segue en mans da familia fundadora e soubo manterse no tempo apostando por unha materia prima de primeira calidade e métodos de elaboración artesanais.

O xerente da empresa, Alfonso Docanto, explicou a centenaria historia da empresa, que factura máis de 1 millón de euros e dá traballo a unhas vinte persoas do municipio, levando as súas icónicas latas de conserva amarelas a distintos puntos de España e o mundo.

Páxinas suxeridas