Estás en:Novas

Caión acolle a estrea do videoclip da canción da Música das Baleas gañadora do Quero Cantar da Deputación da Coruña

O CEIP organizou un acto de presentación coa banda ao que asistiu o deputado de Cultura, Xurxo Couto

Caión acolle a estrea do videoclip da canción da Música das Baleas gañadora do Quero Cantar da Deputación da Coruña

O grupo A Música das Baleas estreou hoxe no Ceip de Caión o viceoclip da canción "A peor xogada", gañadora do certame Quero Cantar de música infantil e xuvenil da Deputación da Coruña. O deputado de Cultura, Xurxo Souto, participou no acto de presentación no centro do que proceden os membros da banda infantil.

A Música das Baleas é un grupo formado no Ceip de Caión polo mestre de Música Jose Carballido e por alumnado integrante do coro deste centro escolar que coa súa canción A peor xogada gañou na categoría infantil a pasada edición do certame Quero Cantar. A banda estreou hoxe o videoclip que se produciu polo propio premio no seu colexio que se vestiu de festa e abriu as súas portas para celebrar a presentación do traballo.

Ao acto acudiu tamén Xurxo Couto, responsable da Área de Cultura da Deputación, organizadora do certame que destacou a importancia de estimular o talento que crece hoxe en día nos centros educativos. Ademais, quixo "recoñecer e salientar o gran esforzo que as nenas, os nenos, o profesorado e tamén as familias realizan neste tipo de proxectos; ese traballo acaba regalándonos a todos creacións tan fermosas como A peor xogada".

Durante o acto o grupo volveu interpretar en directo o tema gañador. Posteriormente abriuse un coloquio no que as nenas e nenos amosaron a súa soltura respondendo numerosas preguntas formuladas por compañeiras e compañeiros, medios de comunicación e outros membros da comunidade escolar.

Pola súa banda, Jose Carballido manifestou que "a experiencia foi mesmo mellor do que eu esperaba nun principio. Se tivese que destacar algo sería a convivencia que as horas de ensaio, as actuacións no Colón e no Culturgal ou a propia gravación para o disco e para o videoclip propiciaron".

Logo do coloquio chegou o momento máis agardado, coa proxección do videoclip. As imaxes alternan secuencias no interior da escola con outras exteriores, para as que se aproveitou a propia contorna privilexiada do centro, situado á mesma beira do Atlántico. A historia que se narra busca ilustrar o alegato a favor do diálogo como forma de resolución de conflitos, que é a cerna da mensaxe contida na letra de A peor xogada. Tras rematar o acto, o vídeo publicouse tamén nas diferentes redes sociais do certame e na súa páxina web.

O vídeo pódese ver na seguinte ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=aEJ6rYhyQ6A