Estás en:Novas

A Deputación apoia o nacemento de EQDay para “visibilizar” a importante contribución da Enxeñería Química á sociedade

O deputado de Promoción Económica, Blas García, felicita ao COEQGa por impulsar o nacemento dun evento que pretende dar a coñecer a importante contribución dos enxeñeiros e enxeñeiras químicas desde eidos tan importantes e dispares coma as novas tecnoloxías, a xenética, ou o sector industrial

A Deputación apoia o nacemento de EQDay para “visibilizar” a importante contribución da Enxeñería Química á sociedade

A Cidade da Cultura de Santiago acolleu hoxe a primeira edición de EQday, un evento posto en marcha polo Colexio de Enxeñeiras e Enxeñeiros Químicos de Galicia (COEQGa). Na xornada púxose de manifesto o valor da profesión do enxeñeiro/a químico/a e a súa importancia no tecido industrial.

O evento foi inaugurado polo deputado responsable da área de Promoción Económica da Deputación da Coruña, Blas García, a secretaria xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Covadonga Toca, o vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da USC, Gumersindo Feijoo, e a presidenta do COEQGa, Andrea Fernández.

No seu discurso inaugural, Blas García deu a benvida a Santiago aos participantes e felicitou ao Colexio e á súa presidenta "por impulsar o nacemento dun evento que pretende axudar a visibilizar a importante contribución dos enxeñeiros e enxeñeiras químicas á sociedade desde eidos tan importantes e dispares coma as novas tecnoloxías, a xenética, ou o sector industrial", afirmou.

García destacou o 25 aniversario da implantación dos estudos de Enxeñería Química na USC e o "carácter participativo" do EQDay, "que estou seguro de que pronto será un referente para o sector", sostivo.

O EQDay tivo un carácter marcadamente participativo. O primeiro bloque consistiu nun cara a cara coa enxeñeira química pola USC, Victoria Masaguer, que conta con máis de 14 anos de experiencia na empresa ArcelorMittal, principal produtor metalúrxico e mineiro a escala mundial, con presenza en 60 países. Na conversa, Victoria desgranou como foi a súa traxectoria, tamén dende o punto de vista femenino, ao abeiro do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia celebrado o pasado martes 11 de febreiro. A mañá continuou coa sección Enxeñería polo mundo, no que varios respectados enxeñeiros e enxeñeiras ofreceron a súa visión da profesión dende distintas partes do mundo. O espazo contou coas charlas de Tamara Blanco de Airbus dende Madrid, de Esther Martínez de AB-InBev dende Bruxelas, de Jorge Rodríguez da Khalifa University dende Abu Dhabi e realizouse unha charla presencial a cargo de Manuel Noya, CEO de Linknovate con sede en Palo Alto e Santiago de Compostela.

A xornada continuou cun diálogo participativo con diferentes profesionais do sector para debater sobre o pasado, o presente e o futuro da enxeñería química. Os convidados a este espazo foron Julia González, Directora da Escola Técnica Superior de Enxeñería da USC, José Gómez, de Cuartazona Enxeñería, Fernando Iglesias, de FACET Filtration Group e Miguel López, da área de PVC de Aluminios Cortizo. Neste espazo deuse unha ampla participación ao público.

O EQDay quere render homenaxe aos 25 anos do inicio dos estudos de Enxeñaría Química na Universidade de Santiago de Compostela. Esta traxectoria permite ter unha canteira de enxeñeiras e enxeñeiros químicos galegos traballando nas empresas máis punteiras a nivel autonómico, nacional e internacional. Así, polas aulas da USC, pasaron estudantes que agora ocupan cargos de responsabilidade en empresas como Inditex, Repsol, Grupo Calvo, Ferroaltántica, Arcelor Mittal, Procter&Gamble, Air Products, Iberdrola, entre outras.