Estás en:Novas

A Deputación inviste 57.807 euros nas obras de rehabilitación do centro social de Traba, en Laxe

Os traballos, que veñen de saír a licitación, pretenden eliminar as graves filtracións de auga que afectan ao inmoble

A Deputación inviste 57.807 euros nas obras de rehabilitación do centro social de Traba, en Laxe

A Deputación da Coruña investirá 57.807 euros nas obras de rehabilitación do centro social de Traba, en Laxe.

Os traballos, que veñen de saír a licitación pública na Plataforma de Contratación do Estado, serán financiados integramente pola institución provincial cos fondos do Plan Único (POS+2019) e pretenden solucionar os graves problemas de humidades e filtracións de auga que presenta o inmoble desde a súa construción en 2003, así como os desperfectos ocasionados pola entrada desta  no interior.

As obras incluirán a construción dunha nova cuberta no espazo existente entre a parte máis antiga do edificio e a máis recente, onde se sitúa o ximnasio do centro social, eliminado o oco entre os dous corpos do edificio e cubrindo as fachadas que rexistran maiores filtracións e humidades. As obras permitirán tamén acondicionar este espazo, actualmente descuberto, onde medra a maleza.

O proxecto inclúe tamén a eliminación dos canalóns interiores e a formación de aleiros con canalización exterior de pluviais; o lavado a presión e posterior impermeabilización das fachadas exteriores e a substitución da actual carpintería exterior de madeira por unha nova de aluminio lacado.

Finalmente, levarase a cabo a limpeza e revestimento das paredes interiores e o pintado das mesmas con pintura plástica antihumidade, así como unha pequena redistribución interior do inmoble, que permitirá ampliar o espazo da aula-cociña onde se realizan cursos de formación.

Páxinas suxeridas