Estás en:Novas

A Deputación da Coruña aposta por un entroido en igualdade

Difunde en concellos, centros de ensino e entidades un decálogo para eliminar o machismo das festas

A Deputación da Coruña aposta por un entroido en igualdade

Descartar disfraces sexistas, librarse de estereotipos, propoñer a participación igualitaria e eliminar a linguaxe excluínte son algunhas das recomendacións que recolle o decálogo "Por un entroido en igualdade" que a área de Igualdade da Deputación da Coruña pon en circulación estes días para loitar contra o machismo nas festas. A iniciativa forma parte da campaña que se iniciou no Nadal co fin a contribuír á eliminación da discriminación nas celebracións.

"Por un entroido en igualdade" é un decálogo de recomendacións que estes días distribúe a área de Igualdade da Deputación da Coruña en concellos, centros de ensino, centros de información ás mulleres e no tecido asociativo co fin de que o sexismo sexa eliminado das festas anuais, concretamente, do tradicional entroido que ten as súas datas principais nos próximos días.

A deputada e da área de Igualdade, María Muíño destaca que esta iniciativa "ten como obxectivo contribuír a que o machismo desapareza das festas do entroido, que non haxa hipersexualización das mulleres e disfraces excluíntes que marquen a discriminación de xénero e que se desbote o acoso e a violencia das celebracións". A nova campaña forma parte do programa "Por unhas festas en igualdade" que a área de Igualdade da Deputación da Coruña botou a andar no pasado Nadal e que se prolongará ao longo de todo ano arredor das principais celebracións tradicionais do calendario anual.

"Con esta iniciativa queremos que se tome conciencia da necesidade da eliminación do machismo a través de dez reflexións que buscan que desaparezan situacións que se repiten nestas conmemoracións e que forman parte dun machismo que sigue vixente e que se percibe de maneira especial no ámbito festivo", explica María Muíño.

"O Entroido é tempo de festa, propicio ao desenfreo, á diversión e á ledicia, pero NON TODO VALE. Temos unha responsabilidade social de construír un mundo non discriminatorio", sinala a primeira das indicacións do decálogo que contempla tamén a eliminación de disfraces hipersexualizados como "forma de violencia de xénero simbólica", a denuncia da publicidade sexista ou a tolerancia cero con bromas ou imaxes machistas. "O Entroido como no resto dos días do ano NON é NON. Drogas e alcohol non son unha xustificación ante as agresións. Se as presencias, non as permitas. Rexéitaas e denúnciaas", lembra o decálogo.

DECÁLOGO POR UN ENTROIDO EN IGUALDADE

1. O Entroido é tempo de festa, propicio ao desenfreo, á diversión e á ledicia, mais NON TODO VALE. Temos a responsabilidade social de construírmos un mundo sen discriminacións

2. Descarta para as túas fillas/os disfraces hipersexualizados. Os dirixidos ás nenas son unha forma de "violencia de xénero simbólica", cousifícaas e erotízaas como únicos valores ligados a elas, ao paso que os disfraces sexistas levados por homes ridiculizan e discriminan as mulleres.

3. Un bo disfrace ten de ser creativo, flexíbel, libre de estereotipos sexistas, seguro e adaptado a cada idade. Ofrece alternativas igualitarias na elección dos disfraces, promovendo non perpetuar a división sexual das profesións, que non ridiculice nin cousifique a imaxe da muller e que sexa respectuoso coa diversidade sexual, étnica etc.

4. Evita comprar disfraces en cuxo envoltorio aparecer a palabra sexy: é sexista e discriminatorio. Se detectares este tipo de publicidade, denúnciao a través do Observatorio da Publicidade Non Sexista da Xunta no enderezo igualdade@xunta.es ou ben telefona ao número gratuíto 900 400 273.

5. Nos centros escolares propón un mesmo disfrace para o alumnado, sen facer distincións por sexo.

6. Educa en igualdade desde a familia e todas e todos gozaremos dun Entroido libre de discriminacións e de violencia contra as mulleres

7. Non partilles ou toleres brincadeiras, imaxes ou comentarios sexistas, pois perpetúan os estereotipos de xénero e unha sociedade machista.

8. No Entroido, como no resto dos días do ano, NON é NON. Drogas e alcohol non son unha xustificación para as agresións. Se as presenciares, non as permitas. Rexéitaas e denúnciaas: podes chamar gratuitamente ao 016 ou ao 112.

9. Emprega unha linguaxe de xénero na túa comunicación oral e escrita, coida a selección musical que fixeres e procura que as imaxes que utilizares non sexan sexistas.

10. Se convocares concursos ou fas parte dunha comparsa ou agrupación, promove a participación igualitaria de mulleres e homes e non apoies a utilización de vestimenta, atrezo ou monicreques sexistas, ofensivos ou discriminatorios.

Páxinas suxeridas