Estás en:Novas

A Deputación da Coruña estuda avanzar no proxecto de mellora vial no concello de Fene

O vicepresidente, Xosé Regueira, reuniuse co alcalde, Juventino Trigo

A Deputación da Coruña estuda avanzar no proxecto de mellora vial no concello de Fene

A mellora da seguridade de varios viais do concello de Fene foi un dos temas centrais da xuntanza que mantiveron na Deputación da Coruña o vicepresidente Xosé Regueira e o alcalde Juventino Trigo. Na reunión participaron tamén a deputada María Muíño e a concelleira de Fene, Sandra Permui.

Reducir a sinistralidade da estrada DP 3503 é un dos obxectivos do concello de Fene que o seu alcalde, Juventino Trigo, trasladou ao vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, na primeira reunión entre as institucións despois da súa toma de posesión. En concreto, o alcalde mostrou a preocupación pola situación do proxecto de obras no vial que atravesa a parroquia de Barallobre, onde estaba previsto a construción de beirarrúas e sendas que conducirían até o cemiterio.

O alcalde Juventino Trigo manifestou o interese en solicitar á Deputación da Coruña a realización do proxecto de mellora da estrada por Barallobre debido a súa alta perigosidade e á proximidade tanto a centros de ensino como ao propio cemiterio. A actuación afectaría tamén á parroquia de Magalofes para o que demanda a construción de novas sendas que faciliten o tránsito das persoas.

Pola súa parte, o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, comprometeuse a estudar no seo do goberno provincial a situación do proxecto e a súa viabilidade a curto prazo co fin de mellorar a comunicación dun tramo especialmente transitado no concello de Fene.

Ademais, na xuntanza analizaron a situación creada polo novo sistema de implantación do control horario municipal para o que a Deputación da Coruña ofrece unha extensión da súa aplicación informática para a xestión dos concellos.