Estás en:Novas

Xosé Regueira defende o entendemento entre público e privado como gran reto das administracións para aproveitar as oportunidades e atraer talento

O vicepresidente da Deputación da Coruña participou en Santiago no encontro estatal de Organizadores Profesionais de Congresos

Xosé Regueira defende o entendemento entre público e privado como gran reto das administracións para aproveitar as oportunidades e atraer talento

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou en Santiago no encontro de 32 Organizadores Profesionais de Congresos no que defendeu a necesidade do entendemento entre o ámbito público e o privado para atraer talento e aproveitar as oportunidades de mellora social.

Na mesa redonda "O papel das administracións na esponsorización de grandes eventos", o vicepresidente e responsábel da área de cultura da Deputación da Coruña apostou pola necesidade de apoiar o sector privado por parte das administracións no desenvolvemento de eventos dinamizadores dos distintos sectores económicos, de maneira especial o turístico.

Regueira sinalou tamén as dificultades que o marco legal impón para que o apoio sexa áxil e a tramitación sinxela con respecto ás solicitudes que se presentan. Diante dun público composto especialmente por axentes do sector turístico e da promoción de eventos e congresos, Xosé Regueira apostou pola necesidade de "axilizar" as administracións para que aproveiten as oportunidades de avanzar e aproveitar oportunidades que revertan na mellora económica e social do territorio.

Despois de explicar o modelo de xestión da Deputación que ten na transferencia aos concellos e nas liñas de concorrencia competitiva os seus eixos fundamentais de xestión do orzamento e actuación política, manifestouse como "firme defensor de que as oportunidades dependen da capacidade que existan de atraer talento, de crear valor engadido, unha condición para o que está máis preparado pola rapidez e axilidade o mundo da empresa privada que as institucións públicas". "Cando se nos propón un evento que sae fóra do marco habitual, que non está planificado e non entra nas liñas de concorrencia existente, non encaixa no procedemento e complica o seu apoio", explicou na súa intervención na que sinalou a imposibilidade de xestionar patrocinios e a única vía de convenios de colaboración que son tamén de carácter extraordinario e singular.

Segundo Xosé Regueira, a "concorrencia competitiva e a transparencia teñen que ser os alicerces en que se base a relación entre a administrador e as persoas administradas, pero esa legalidade debe ter en conta o marco en que nos movemos ao día de hoxe e ten que regular fórmulas que nos fagan máis competitivos e áxiles e mecanismos que nos fagan participar en eventos que redunden na mellora das oportunidades para a sociedade.

Para o vicepresidente da Deputación da Coruña, eventos como o propio congreso OPC que é de especial interese para atraer un sector como o dos congresos ao territorio, poden ser apoiados pola administración xa que, ao seu ver, responden ás condicións imprescindíbeis para poder realizalo como son "interese xeral, reverter socialmente na poboación local e ser un proxecto singular e excepcional ademais de ser moi complexa a xestión a través de liñas de concorrencia competitiva, cando se dan estas tres cuestións unha administración pública ten que ter oportunidade de poder participar co seu apoio".

Con estes criterios, Xosé Regueira apuntou tamén a necesidade de garantir "o control e a seguridade administrativa que ten que ser rigorosa e áxil mais tamén facilitar o entendemento público e privado para non perder oportunidades de especial valor para a sociedade como este mesmo evento en que participan operadores de eventos que participan en todo o Estado español e que, con iniciativas como esta podemos captar a súa atención para que nos consideren como espazo onde desenvolver a súa actividade tan importante para o desenvolvemento económico".

Na mesa sobre patrocinios, ademais de Xosé Regueira participaron tamén o director de CITIUS-Centro Singular en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago, Senén Barro, o representante de CEO de Cow Events Group e membro da xunta directiva de AEVEA, Carlos Lorenzo e o Director de RSC de GADISA, Antonio Cortés, coa moderación da directora de marketing de Rodman, María Herrero.

Páxinas suxeridas