Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e a Xunta poñen ao Consorcio Provincial Contraincendios como “exemplo de colaboración”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitaron hoxe a sede central do Consorcio e o parque comarcal de Carballo

O Consorcio, integrado ao 50% por Deputación e Xunta, xestiona de forma directa dende o inicio deste ano os dez parques comarcais de bombeiros da provincia da Coruña, nos que traballan 178 profesionais

González Formoso destaca que se trata dun "exemplo de colaboración entre administracións en beneficio da sociedade nun eido tan sensible coma o das emrexencias"

Os dez parques comarcais coruñeses realizaron o ano pasado un total de 3.158 intervencións

A Deputación da Coruña e a Xunta poñen ao Consorcio Provincial Contraincendios como “exemplo de colaboración”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitaron esta mañá en Carballo a sede central do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña, dende onde se xestionan os dez parques comarcais de bombeiros da provincia da Coruña.

Acompañados dos deputados provinciais Blas García, Sandra González e Xosé Lois Penas, do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva e o delegado da Xunta, Ovidio Rodeiro, entre outras autoridades, Rueda e González Formoso coñeceron as instalacións do Consorcio e do parque de Carballo e saudaron ao persoal.

Valentín González Formoso destacou que o Consorcio é "un exemplo de colaboración entre administracións en beneficio da sociedade nun eido tan sensible como o das emerxencias".

Unha nova etapa dende o 1 de xaneiro

O presidente provincial destacou que o Consorcio, integrado ao 50% por Xunta e Deputación da Coruña, comezou o 1 de xaneiro unha nova etapa, tras un intenso traballo no que se completou o cambio de modelo de xestión no que os parques coruñeses e o persoal que os integra (máis de 170 profesionais) pasaron a depender directamente da administración pública.

Formoso agradeceu a todos os implicados no proceso "a súa colaboración e a súa paciencia".

Tamén Alfonso Rueda se referiu ao novo modelo de xestión, que se aplicou "en moi pouco tempo" e destacou que todas as cabeceiras de comarca de Galicia contan cun servizo profesional de emerxencias "á altura do de calquera cidade".

"Hai que aproveitar unha vez mais para dicir que isto debe ser un exemplo de cooperación entre Administracións, entre Xunta e as deputacións provinciais, especialmente coa Deputación de A Coruña, xa que é esta provincia a que aglutina mais parques, dos 27 que están en Galicia, 10 están na provincia de A Coruña", afirmou.

Na súa visita ao parque de bombeiros de Carballo, no que traballan 18 bombeiros, que dan servizo a sete concellos da comarca de Bergantiños, González Formoso e Rueda puxeron en valor o traballo destes profesionais que complementan o mapa de emerxencias da nosa comunidade xunto cos parques de bombeiros municipais, as agrupacións de voluntarios de Protección Civil ou os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), así como o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia.

3.158 intervencións o pasado ano

Os dez parques de bombeiros comarcais da provincia da Coruña, situados en Carballo, Arteixo, Boiro, Ribeira, Ordes, Arzúa, Betanzos, As Pontes, Cee e Santa Comba (ademais da parte comarcalizada do parque de bombeiros de Ferrol que presta servizo aos concellos da área ferrolá) realizaron o pasado ano 3.158 intervencións.

Entre as máis frecuentes destacan as retiradas de árbores en estradas (409) e intervencións por accidentes de tráfico (283), seguidas polos incendios (257). Os bombeiros comarcais realizaron tamén máis dun centenar de actuacións preventivas durante o 2019.