Estás en:Novas

A Deputación investirá máis de 950.000 euros na ampliación da rede de saneamento e na mellora da seguridade viaria en Narón

As medidas, cofinanciadas a través do Plan Único, permitirán instalar un colector de saneamento na parroquia de San Xiao que dará servizo a 72 vivendas, eliminando os focos contaminantes das fosas sépticas onde antes remataban os vertidos

O Plan Único tamén permitirá a reparación do firme e reposición de pavimentos en camiños e rúas de case todas as parroquias do municipio, así como a mellora da recollida de pluviais destes

Mellorarase a accesibilidade nas rúas de Mugardos e La Paz coa ampliación e mellora das beirarrúas

A Deputación investirá máis de 950.000 euros na ampliación da rede de saneamento e na mellora da seguridade viaria en Narón

A Deputación da Coruña impulsará medidas de ampliación da rede de saneamento e de mellora da seguridade viaria no Concello de Narón. Os proxectos,que contan cun investimento de 952.286,56 euros, serán cofinanciados pola Deputación e o Concello, aportando a primeira 951.301,08 € a través do Plan Único. As iniciativas atópanse en fase de licitación.

As obras de mellora da rede de saneamento permitirán instalar un colector nos lugares de Ferrerías e Prados, na parroquia de San Xiao. Desta forma recolleranse os vertidos das vivendas da zona para a súa condución á rede xa existente a través de circuítos de bombeo. A actuación beneficiará a un total de 72 vivendas, tendo capacidade para 97, que non dispoñen na actualidade dunha rede de saneamento, levando os vertidos das augas residuais a fosas sépticas, cos conseguintes problemas de filtracións e de ausencia de tratamento dos vertidos xerados. Con esta nova medida eliminaranse os focos contaminantes derivados destas fosas, mellorando a calidade ambiental da contorna. As obras, que teñen un prazo de execución de 4 meses, terán un custe total de 554.236,77 euros, financiados na súa totalidade a través do Plan Único.

Outra das medidas que se levará a cabo no municipio será a reparación do firme e reposición de pavimentos deteriorados dos viais en Vidueiros (Doso), A Hermida, Río do Couto, Castro de abaixo (Pedroso), Río da Lousa, Pereiro, Asperon (Sedes), Fraga (San Xiao), Borrallada, Agrande (Castro), Vilares, Loureiro, Pradedo (O Val), acceso ao campo de fútbol de San Mateo, María Soliña, Río Deza, Cerrallón, Chousa (Piñeiros), Camiño do Calvario-Ponte (Santa Icía), Pozo-Castro (Pedroso), local social de Sedes, Igrexa-Vilar, local social de San Xiao e Vidueiros (San Mateo).

Nos camiños rurais limparanse e reabriranse cunetas para conseguir unha mellor evacuación de auga. Nalgunhas rutas tamén se contempla a mellora da recollida de pluviais.As melloras contarán cun investimento total de 241.402,34 euros, dos cales 240.804,15 serán investidos polo Plan Único da Deputación. Estas obras, que permitirán mellorar a seguridade de vehículos e peóns no municipio,teñen un prazo de execución de 5 meses.

Mellora da accesibilidade na rúa Mugardos

A Deputación tamén mellorará en Narón a accesibilidade das rúas Mugardos e La Paz, investindo en ambas obras un total de 156.647,45 euros dos que 156.260,16 euros serán financiados a través do Plan Único. As rúas ampliarán as súas beirarrúas a 1,8 m, eliminando os obstáculos físicos que dificultan o acceso aos peóns con mobilidade reducida. Mellorarase ademais a sinalización das zonas e instalaranse canalizacións soterradas de alumeado.