Estás en:Novas

A Deputación da Coruña financia a rehabilitación que mellora a accesibilidade e seguridade do castelo de Naraío

O vicepresidente, Xosé Regueira, e o alcalde, Secundino García, visitan o monumento no remate das obras da terceira fase do proxecto

A Deputación da Coruña financia a rehabilitación que mellora a accesibilidade e seguridade do castelo de Naraío

O vicepresidente e responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, visitou o castelo de Naraío, no concello de San Sadurniño, despois do remate da terceira fase de rehabilitación da fortaleza medieval. As obras foron financiada pola Deputación da Coruña e supuxeron unha mellora da accesibilidade e a seguridade da contorna.

Cun orzamento de 170.000 euros dos que 80% foi achega da Deputación da Coruña, a terceira fase do proxecto incluíu o adecentamento dos sendeiros, instalación de varandas e a construción dunha estrutura interior que permite a subida á cima da torre desde a que se divisa unha extraordinaria panorámica da contorna do castelo.
Na visita do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira participaron tamén membros do goberno local presidido polo seu alcalde Secundino García
e a concelleira e tamén deputada María Muíño ademais da presidenta da AVV O Castelo, Almudena Vega ademais do arquitecto José Antonio Alonso e o responsábel da obra Juan Martínez que explicaron o desenvolvemento do proxecto.

O obxectivo é dinamizar e difundir un recurso turístico que pode ser foco de atención de visitantes e un punto de referencia na construción histórica do territorio. Na súa visita, Xosé Regueira definiu o castelo como "enclave impresionante sobre o que continuaremos a traballar conxuntamente co concello co fin de avanzar nun nun mellor coñecemento da fortaleza e que sexa un recurso turístico e que estea a disposición das persoas con toda a seguridade posible".

Na súa intervención, Regueira destacou tamén a relevancia do monumento no proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal que supón "xunto co castelo de Moeche espazos de especial relevancia e que xogarán un papel importante nas diferentes rutas e produtos turísticos que se teñen que traballar no ámbito do xeoparque".

Páxinas suxeridas