Máis de 15.000 atletas de todas as idades participaron no Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación da Coruña
A deputada de Deportes, Cristina Capelán, participou hoxe na entrega de premios da VII edición do Circuíto e destacou a gran participación que rexistraron as 30 carreiras
O club Atletismo Sar proclamouse vencedor das categorías absolutas feminina e masculina, mentres que o podio de menores estivo encabezado na categoría feminina polo club de atletismo Noia e a masculina polo Tiriki Team, de Muros
A Deputación e a Federación Galega de Atletismo traballan xa na edición 2020 do Circuíto

A deputada da área de Deportes da Deputación da Coruña, Cristina Capelán, e o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, participaron esta tarde no Pazo de Mariñán (Bergondo) no acto de entrega dos premios do VII Circuíto Provincial de Carreiras Populares. O acto contou tamén coa asistencia doutros membros do Goberno provincial coma a deputada de Educación, Sandra González, e o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo.
A Deputación e Federación Galega de Atletismo colaboraron na organización das 30 probas do circuíto, que na súa sétima edición recalou nos concellos de Oroso, O Pino, Mazaricos, Dumbría, San Sadurniño, Zas, Culleredo, Carballo, Cee, Tordoia, Muxía, A Laracha, Curtis, Ares, Cambre, Carnota, Ferrol, A Pobra do Caramiñal, Noia, Corcubión, Cabana de Bergantiños, Ribeira, Sada, Brión, Fisterra, Ames, Rianxo, Negreira, Boiro e Porto so Son
Entre os máis de 15.000 corredores que participaron nas carreiras, proclamáronse vencedores nas categorías absolutas masculinas Amador Pena Torreira (Club O Pino), Juan Ávarez Cures (Club O Pino) e Rubén Insua Díaz (Club Sar- Vermú Petroni) , e nas femininas Rocío Alvite Ferriro (Sar), Natalia Rivas Suárez (O Pino) e Tina Fernández Barreiros (Sar). Asemade, foron premiados outro medio centenar de atletas que obtiveron as mellores puntuacións nas diferentes categorías, desde benxamíns ata veteranos.
No podio por equipos, o Club Atletismo Sar- Vermú Petroni (Comarca do Sar) resultou vencedor tanto da categoría absoluta masculina como da feminina. A clasificación masculina completárona o Club Atletismo O Pino (O Pino) e Noitebra (Santiago) mentres que o segundo e terceiro premio femininos recaeron en Atletismo O Pino e Club La Mochila del Deporte (A Coruña).
En canto ás categorías de menores, os galardóns para os equipos femininos foron para o Club de Atletismo Noia, Asociación Deportiva Olimpia e Triki Team, mentres que os equipos masculinos gañadores foron Triki Team, Santa Uxía e Atletismo Noia.
Cristina Capelán felicitou ás gañadoras e gañadores e agradeceu a gran participación coa que contaron todas as carreiras, así como o extraordinario labor de organización e coordinación das probas que leva a cabo a Federación Galega de Atletismo, para posibilitar que no circuíto poidan participar o máximo número de concellos e de deportistas de todas as idades.
PRINCIPAIS PREMIOS
CATEGORÍA ABSOLUTA MULLERES
Rocío Alvite Ferreiro (Sar)
Natalia Rivas Suárez (O Pino)
Tina Fernández Barreiros (Sar)
CATEGORÍA ABSOLUTA HOMES
Amador Pena Torreira (O Pino)
Juan Alvarez Cures ( O Pino)
Rubén Insua Díaz ( Sar)
CLUBS ABSOLUTO FEMININO
Atletismo Sar- Vermú Petroni
Club Atletismo O Pino
Club La Mochila del Deporte- A Coruña
CLUBS ABSOLUTO MASCULINO
Atletismo Sar Vermú Petroni
Club Atletismo O Pino
Noitebra
CLUBS MENORES FEMININO
Atletismo Noia
Asoc. Deportiva Olimpia
Triki Team
CLUBS MENORES MASCULINO
1.Triki Team
2. Santa Uxía
3. Atletismo Noia