Estás en:Novas

A Deputación da Coruña, disposta a colaborar coa Xunta e o Concello de Muxía para renovar a rede de abastecemento de auga da localidade


Valentín González Formoso reuniuse hoxe co alcalde, Iago Toba, e trasladoulle a disposición da Deputación de apoiar técnica e economicamente o proxecto do goberno municipal para ampliar a capacidade da rede de subministración de auga e levar o abastecemento a parroquias do rural que carecen deste servizo

A Deputación da Coruña, disposta a colaborar coa Xunta e o Concello de Muxía para renovar a rede de abastecemento de auga da localidade

A Deputación da Coruña está disposta a prestar a súa colaboración técnica e económica para levar a cabo, xunto coa Xunta de Galicia e o Concello de Muxía, as obras de ampliación e mellora da rede de abastecemento de auga da localidade.

Así llo trasladou esta mañá o presidente provincial, Valentín González Formoso, ao alcalde muxián, Iago Toba Campaña, durante a reunión que ambos os dous mandatarios mantiveron esta mañá na Coruña, na que participaron tamén os concelleiros Javier Romar e Olalla Benlloch.

O alcalde de Muxía explicou que o goberno municipal xa dispón dun proxecto técnico que permitiría dar solución aos problemas de subministración de auga que experimenta o núcleo urbano de Muxía, especialmente durante os meses de verán cando se incrementa a poboación, e levar este servizo básico a núcleos rurais que carecen de traída actualmente coma Suxo, Castelo ou Agranzón, que suman preto de 1.000 veciños que carecen de auga corrente. As obras permitirían ademais dotar de abastecemento de auga a outros núcleos rurais próximos pertencentes ao Concello de Vimianzo.

"A rede actual de traída de auga de Muxía foi deseñada hai moito tempo e hoxe resulta insuficiente para atender a demanda", explicou Iago Toba, que apuntou que "ademais do incremento da poboación que experimentamos na época estival, debemos atender e planificar o aumento da demanda que suporá nun futuro próximo a posta en marcha do Parador de Turismo, polo que necesitamos maior capacidade tanto na rede de abastecemento coma nos depósitos", apuntou o rexedor.

Iago Toba explicou que se trata dun "proxecto ambicioso pero vital para o municipio", que requirirá dun investimento de arredor de 1 millón de euros, polo que será necesaria a colaboración de varias administracións. Neste sentido, anunciou que manterá tamén reunións de traballo con Augas de Galicia para explorar vías de colaboración nun proxecto que, debido ao seu elevado custe, Muxía non pode asumir en solitario.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que se trata dun "proxecto importante para o futuro de Muxía, que afecta a un número importante de veciños da localidade" e trasladou ao alcalde a disposición da Deputación a participar nun acordo a tres bandas coa Xunta de Galicia e o Concello para levalo a cabo durante este mandato.

Páxinas suxeridas