Estás en:Novas

A Deputación convoca 45 bolsas de 3.500 euros para deportistas da provincia da Coruña

Valentín González Formoso destaca que as bolsas "axudan a que as persoas deportistas da provincia podan desenvolver todo o seu potencial e competir ao máis alto nivel"

A convocatoria publícase hoxe no BOP e o prazo de solicitudes estará aberto ata o 31 de marzo

A Deputación convoca 45 bolsas de 3.500 euros para deportistas da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña, na súa labor de promoción, difusión e apoio ao deporte coruñés, convoca este ano 45 bolsas deportivas de 3.500 euros destinadas a deportistas da provincia que destaquen en competicións federadas a nivel rexional, nacional e internacional.

A área de Deportes da Deputación publica BOP de hoxe martes, 10 de marzo, a convocatoria destas bolsas, que este ano contan cun orzamento total de 157.500 euros.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, afirmou que "ademais de premiar o esforzo e a excelencia dos deportistas coruñeses, a Deputación quere colaborar con elas e eles para que podan desenvolver todo o seu potencial, ter acceso á mellor preparación e competir ao máis alto nivel".

"As bolsas para deportistas da Deputación pretenden ser unha axuda para que estes mozos e mozas sigan colleitando éxitos para o deporte coruñés", apuntou o presidente da institución provincial.

Tamén a deputada responsable da área de Deportes, Cristina Capelán, destacou a importancia destas axudas "para apoiar o traballo diario" das persoas deportistas da provincia e darlles a oportunidade continuar participando en competicións do máis alto nivel.

O importe destinado a becas para deportistas incrementouse notablemente nos últimos anos, pasando de 30 bolsas de 2.500 euros a 45 bolsas de 3.500 euros. Ademais, ampliouse tamén o rango de idades, permitindo que os deportistas de entre 24 e 30 anos podan participar na convocatoria.

Os/as solicitantes deberán practicar un deporte que pertenza a unha das disciplinas olímpicas. Ademais, os/as candidatos/as terán que acreditar o seu historial deportivo durante o ano 2019, no que constarán as participacións e os resultados máis importantes obtidos en competicións autonómicas, nacionais e internacionais e o proxecto deportivo da tempada actual.

As bolsas divídense en tres categorías, en función da idade das persoas solicitantes:

Grupo A: 15 bolsas para deportistas de 12 a 17 anos

Grupo B: 15 bolsas para deportistas de 18 a 23 anos

Grupo C: 15 bolsas para deportistas de 24 a 30 anos.

A presentación de solicitudes deberá formalizarse ata as 14.00 horas do 31 de marzo de forma telemática a través da plataforma Subtel da Deputación.

Páxinas suxeridas