Estás en:Novas

A Deputación inviste preto de 424.000 euros na renovación da rede de abastecemento de auga de Centiña (Coristanco)

Substituirá a antiga rede de fibrocemento por unha nova de fundición dúctil que evite as continuas roturas e avarías que sofren os veciños

Coristanco mellorará tamén camiños rurais en Agualada, San Paio e Xaviña con cargo ao Plan Único

A Deputación inviste preto de 424.000 euros na renovación da rede de abastecemento de auga de Centiña (Coristanco)

A Deputación da Coruña investirá 423.910,86 euros nas obras de renovación da rede de abastecemento de auga de Centiña, no termo municipal de Coristanco.

As obras veñen de saír a licitación na Plataforma de Contratación do Estado e serán financiadas ao 100% con fondos do Plan Único (POS+2019).

A Deputación colaborará así co Concello de Coristanco na necesidade urxente de substituír a actual rede de abastecemento, construída en fibrocemento, que está sufrindo roturas e avarías de xeito constante. A nova rede executarase en tubaxe de fundición dúctil de 200 mm de diámetro e funcionará por gravidade.

As obras divídense en dous tramos, o primeiro deles ata a capela de San Antonio de Centiña e o segundo desde este punto, en dirección norte pola estrada DP 2904 ata o entronque coa rede existente na estrada AG-552.

Mellora de camiños rurais

Tamén está aberta a licitación pública das obras de mellora de diversos camiños rurais nas parroquias de Agualada, San Paio e Xaviña, cun investimento previsto de 99.098,97 euros financiado integramente polo Plan Único da Deputación.

En Xaviña mellorarase o camiño que vai de Porcariza á ponte da autoestrada, en Agualada a estrada Baio-Outeiro e os camiños de Salgaueiras a Figueroa e de Figueroa a Agualada e en San Paio os camiños de Carrizal a Piñeiro e da Escola de Centiña a Esfarrapa e a estrada Coruña-Fisterra.

Páxinas suxeridas