Estás en:Novas

González Formoso destaca que o Parador de Muxía será “un revulsivo para o turismo e a economía da Costa da Morte”

O presidente da Deputación reuniuse en Madrid co presidente de Paradores, Óscar López, que confirmou que o Parador da Costa da Morte xa conta con 6.000 reservas para este ano

A Deputación investiu máis de 700.000 euros nas obras de ampliación da estrada de Muxía a Touriñán, que dá acceso á infraestrutura

González Formoso destaca que o Parador de Muxía será “un revulsivo para o turismo e a economía da Costa da Morte”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse en Madrid co presidente de Paradores, Óscar López Águeda.

González Formoso trasladoulle a importancia que para a Costa da Morte ten a inminente apertura do Parador de Muxía, prevista para o vindeiro 4 de abril, antes da Semana Santa.

"O Parador será un revulsivo para o turismo e a economía da Costa da Morte", afirmou o presidente provincial, que preveu que ademais dos 45 empregos directos que xerará esta ansiada infraestrutura hosteleira, a súa posta en marcha suporá "un motor económico para toda a comarca e contribuirá a dinamizar o turismo e a mostrar ao mundo os múltiples encantos desta terra".

6.000 reservas formalizadas para 2020

Valentín González e Óscar López falaron sobre as boas previsións de ocupación que está a rexistrar o novo Parador da Costa da Morte, que xa conta con 6.000 reservas para este ano, segundo confirmou o presidente de Paradores.

O presidente provincial lembrou que a Deputación "achegou tamén o seu grao de area" para a posta en funcionamento do Parador coa ampliación, recentemente rematada, da estrada provincial DP 5201 de Muxía a Touriñán pola costa, que dá acceso á infraestrutura e que supuxo un importante investimento de máis de 700.000 euros.

Páxinas suxeridas