Estás en:Novas

A área de Turismo da Deputación da Coruña cancela a participación en feiras por prevención sanitaria polo coronavirus

Convocan a Xunta de Portavoces para tomar medidas de control de contaxios.

A área de Turismo da Deputación da Coruña cancela a participación en feiras por prevención sanitaria polo coronavirus

O vicepresidente e responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, anunciou a decisión de cancelar a participación no programa de feiras e outros eventos internacionais para evitar riscos de contaxio polo coronavirus. A Deputación convoca para este xoves xunta de portavoces para tomar medidas de prevención sanitaria na institución.

O servizo de Turismo cancelou o programa de feiras e encontros internacionais nos que tiña previsto participar como medida de prevención pola crise provocada polo coronavirus. "Por unha parte quérese evitar riscos de contaxio por parte do persoal da Deputación e tamén contribuír ao control da evolución do mapa de difusión da enfermidade", sinalou Xosé Regueira.

Desde o Servizo de Turismo valoran tamén que algúns destes eventos xa se cancelaron e outros anularanse ou trasladaranse de datas nos próximos días ademais de considerar que os que se manteñen están a ter unha baixa repercusión pola caída de participantes e a anulación da asistencia de moitos dos países de grande impacto no sector.

"Até que se coñeza a evolución do contaxio, por responsabilidade, paralizarase a promoción nas feiras internacionais de turismo", sinalou Xosé Regueira. Ademais, a Deputación da Coruña celebrará mañá xoves unha xunta de portavoces para informar das medidas que se aplicarán despois das recomendacións elaboradas desde as áreas de Prevención de Riscos e Persoal ademais doutros servizos administrativos. "Sen querer ser alarmista si queremos actuar de maneira responsábel e previr calquera posíbel contaxio xa que as recomendacións sanitarias indican que este é o momento de actuar para impedir que os contaxios vaian a máis", sinala Regueira. 

Páxinas suxeridas