Estás en:Novas

A Deputación da Coruña reforza o servizo de Teleasistencia

González Formoso destaca o importante labor que desenvolve o servizo para acompañar e informar os maiores nesta crise sanitaria

O Goberno provincial lembra que é posible tramitar novas altas no servizo, que a Deputación da Coruña presta de xeito gratuíto nos concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes

A Deputación da Coruña reforza o servizo de Teleasistencia

A Deputación da Coruña reforza estes días o contacto coas 2.483 persoas maiores da provincia da Coruña que hoxe en día son usuarias do Servizo de Teleasistencia.

A Teleasistencia da Deputación está funcionando con normalidade, aínda que se está a facer un especial esforzo no contacto periódico cos usuarios e usuarias do servizo para verificar o seu estado de saúde e para transmitir información sobre a importancia de manter determinadas normas hixiénico-sanitarias e de distanciamento social que contribúan a frear a propagación do coronavirus.

"O servizo de Teleasistencia da Deputación está funcionando a pleno rendemento para dar tranquilidade aos nosos maiores que viven sos e ás súas familias, que saben que teñen a alguén ao outro lado do botón vermello as 24 horas do día, os 365 días do ano", afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que hoxe mantivo contacto telefónico coas responsables do servizo para interesarse sobre as súas necesidades agradeceu ás operadoras "o importante labor que están desmpeñando para acompañar os maiores coruñeses durante esta crise sanitaria".

O Goberno provincial lembra que aínda é posible tramitar novas altas no servizo de Teleasistencia, que a Deputación da Coruña presta de xeito gratuíto nos concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes.
As novas altas tramitaranse a través dos servizos sociais municipais, en base ás circunstancias sociais e persoais do novo/a usuario/a.

Páxinas suxeridas