Estás en:Novas

A Deputación abre en Sabón un punto de apoio a camioneiros e camioneiras

Na parcela da Deputación no polígono arteixán habilítanse duchas e lavabos para que os camioneiros e camioneiras poidan asearse e descansar

O presidente da Deputación destaca a importancia do sector do transporte na loita contra o coronavirus e insta a replicar a iniciativa noutros puntos da provincia

A Deputación abre en Sabón un punto de apoio a camioneiros e camioneiras

A Deputación da Coruña instalou esta mañá na súa parcela situada á entrada ao polígono industrial de Sabón (Avenida da Deputación, Parcela 3) un punto de apoio a transportistas e camioneiros/as, na que estes/as profesionais disporán de duchas e lavabos para poder asearse.

A medida pretende ser un pequeno apoio ante a difícil situación que vive o colectivo, que segue traballando a pleno rendemento, ante o peche de establementos de hospedaxe e hostelería, así como determinadas áreas das estacións de servizo.

A instalación comprende dúas casetas cun total de 5 duchas e 5 lavabos, 3 delas para uso masculino e dous para uso feminino. As instalacións contarán cun servizo de limpeza e desinfección varias veces ao día e servizo de seguridade permanente.

O presidente da Deputación, Valentín González Fomoso, destacou que a iniciativa pretende "facilitar o traballo dun colectivo tan esencial como o dos/as transportistas, que están dando o mellor de si para que poidamos dispor de máscaras, de material médico, de alimentos e de todo tipo de subministracións de primeira necesidade que precisamos para loitar contra o coronavirus".

González Formoso agradeceu tamén a colaboración "dende o primeiro momento" do Concello de Arteixo e do seu alcalde, Carlos Calvelo, que faciltou en todo momento a posta en marcha da instalación e colaborou para que os camións poidan estacionar nunha parcela contigua mentres os profesionais fan uso das novas instalacións.

O presidente provincial remitiu hoxe unha comunicación ás empresas do polígono de Sabón e Asociacións de Transportistas nas que lles comunica a posta a disposición das instalacións e lles agradece "o gran esforzo que están a facer" durante esta crise.

Valentín González manifestou o seu desexo de que a iniciativa sexa útil para camioneiros/as e instou a replicar a iniciativa noutros puntos da provincia para facilitar o importante labor que están facendo estes/as profesionais.

Páxinas suxeridas