Estás en:Novas

A Biblioteca da Deputación da Coruña libera o seu catálogo dixital

Durante o tempo que dura o estado de alarma permitirá o acceso libre a máis de 4.000 recursos e ás actividades do Club de lectura virtual

A Biblioteca da Deputación da Coruña libera o seu catálogo dixital

A Biblioteca da Deputación da Coruña intensifica o seu servizo virtual co fin de responder á situación de confinamento producida polo estado de alarma. Deste xeito, libera a descarga do seu catálogo dixital de máis de 4.000 recursos de uso gratuíto e tamén á participación nas actividades do Club de lectura virtual.

A pesar de que a súa sede física na rúa Rego de Auga da Coruña estea pechada polas medidas recollidas no estado de alarma, a Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña continúa en activo, intensificando aínda máis o seu servizo dixital, tanto en préstamo de títulos e outros recursos como na participación no Club de lectura virtual.

Como medida excepcional, e mentres dure o estado de alarma, calquera persoa de toda Galicia poderá acceder ao catálogo virtual da biblioteca, composto por máis de 4.000 rexistros, para o que é preciso darse de alta enviando unha solicitude cuberta ao enderezo biblioteca.info@dacoruna.gal.

Desde os servizos da Biblioteca habilitarase o acceso ao catálogo virtual e tamén ás actividades do Club de lectura que se desenvolve a través da rede. De maneira singular, a Biblioteca abre así o seu catálogo virtual a persoas non socias do servizo aínda que indica que, despois de levantado o estado de alarma quen queira seguir utilizando o fondo dixital e participando nas actividades terán que formalizar a situación.

EBIBLIODACORUNA é a plataforma gratuíta de préstamo dixital de libros, películas, audiolibros, e outros contidos dixitais das máis variadas temáticas, que a Deputación da Coruña pon en servizo para todas as persoas usuarias de calquera biblioteca pública da provincia da Coruña e, neste momento, extraordinariamente, abre a toda a poboación galega para que teña acceso ao seu fondo de maneira fácil e gratuíta.

Máis información: http://deputaciondacoruna.tubiblioweb.com/a-bibliodacoruna-nun-click/outras-bibliotecas/bibliotecas-dixitais/ 

Páxinas suxeridas