Estás en:Novas

A Deputación da Coruña, disposta a colaborar coa Xunta na organización dun sistema eficaz e xusto de distribución de material de protección contra o coronavirus nos concellos

A Deputación demandará "todo o material necesario" para garantir a prestación dos servizos básicos municipais

O Goberno de González Formoso ofrece "cooperación leal con todas as administracións" e pon a disposición "todos os recursos dispoñibles para coordinar as accións necesarias para facer fronte á crise máis importante da historia recente deste país"

A Deputación da Coruña, disposta a colaborar coa Xunta na organización dun sistema eficaz e xusto de distribución de material de protección contra o coronavirus nos concellos

A Deputación da Coruña expresa a súa "absoluta disposición" a colaborar coa Xunta de Galicia na organización dun "sistema eficaz" de distribución de material de protección contra o coronavirus entre os concellos da provincia, en resposta á petición formulada a través dos medios de comunicación hoxe polo vicepresidente autonómico, Alfonso Rueda.

Como vén facendo dende o inicio desta crise sanitaria, o Goberno provincial presidido por Valentín González Formoso, ofrece a súa "cooperación leal con todas as administracións e pon a disposición todos os recursos dispoñibles para coordinar as accións necesarias para facer fronte á crise máis importante da historia recente deste país, máis aínda se falamos dun tema tan fundamental como dotar de material axeitado aos concellos.

A Deputación lembra que a administración autonómica, que ten as competencias nesta materia, creou coa Fegamp Postos de Mando Avanzados en cada provincia, que se reservan a distribución de material e centralizan a loxística.

Aínda así, a Deputación está disposta a prestar a máxima colaboración e demandará á Xunta todo o material necesario: máscaras, xel hidroalcohólico, luvas e outros equipos de protección para que os servizos municipais esenciais dos concellos da provincia da Coruña, como a axuda no fogar ou as emerxencias, poidan seguir funcionando.

Páxinas suxeridas