Estás en:Novas

A Deputación mantén plena actividade co traballo en liña

A Deputación despregou unha rede virtual que permite o acceso remoto a boa parte dos traballadores sen afectar os sistemas informáticos dos concellos

A día de hoxe, acceden en liña ás súas aplicacións informáticas os mesmos traballadores que o farían nun día normal

Máis de 1.000 usuarios dos concellos acceden cada día aos sistemas informáticos que lles facilita a Deputación

A plataforma de teletraballo permite a políticos e funcionarios organizar reunións ou videoconferencias

A Deputación mantén plena actividade co traballo en liña

A Deputación da Coruña traballa para manter a súa actividade administrativa e de soporte aos concellos da provincia durante a crise do Covid19.  

A día de hoxe, máis de 500 empregados e empregadas da institución provincial traballan desde as súas casas para manter  en funcionamento os servizos que o goberno provincial definiu como esenciais, entre os que figuran os servizos sociais e de teleasistencia, o mantemento das estradas provinciais, atención cidadá, asistencia aos municipios, os servizos relacionados coas tecnoloxías da comunicación ou calquera actividade que implique o pago a provedores e contratistas.

Parte dos membros do Goberno, da corporación provincial e dos xefes de servizo seguen traballando tamén de forma presencial na sede da Deputación, que reforzou a atención telefónica á cidadanía e mantén abertos todos os trámites a través da sede electrónica.

A día de hoxe acceden en liña ás súas aplicacións informáticas os mesmos traballadores que o farían de forma presencial, nun día normal. Diariamente, 469 persoas conéctanse e tramitan co xestor de expedientes e outros 233 usuarios dispoñen de acceso remoto completo aos seus computadores a través das novas redes privadas virtuais despregadas nestes días, que permiten que non se vexa afectada a rede informática que a Deputación pon ao dispor dos concellos da provincia e que utilizan a diario máis de 1.000 usuarios.

Desde que se decretou o estado de alarma, o persoal dos servizos de Informática e Administración Electrónica fixo un amplo despregamento dunha plataforma xeral de teletraballo que non parou de medrar e que a día de hoxe xa dá soporte á práctica totalidade do persoal da Deputación, sen consumir os recursos reservados para os concellos da provincia.

Reunións por videoconferencia

Ademais, nestes días implantáronse novas ferramentas avanzadas que facilitan o traballo en liña en grupos e a distancia tanto dos responsables políticos como do funcionariado, mediante servizos de mensaxería instantánea (chats) e  videollamadas.

A plataforma de teletraballo implantada permite, por exemplo, que o presidente da Deputación poida dirixirse de maneira directa a todo o persoal ou que poida conectarse por videoconferencia cos membros da corporación, cos xefes de servizo ou con calquera traballador ou traballadora da institución provincial.

Tamén é posible realizar as xuntas de portavoces ou reunións de forma telemática, desde as salas de videoconferencia das que dispón a Deputación ou desde os computadores persoais e dispositivos móbiles dos deputados.

Ademais, a Deputación envía cada día ao todo os seus persoal boletíns informativos sobre a evolución local, galega e nacional do Covid-19, así como noticias e consellos preventivos.

Xestión de expedientes

Algúns dos principais indicadores amosan que o funcionamento da Deputación é similar á habitual. Dende a declaración do estado de alarma o pasado 14 de marzo, aprobáronse 1.120 resolucións, houbo 4.432 entradas por rexistro e aprobáronse 633 pagos a empresas e provedores.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que o “intenso traballo” realizado polo persoal da área de Informática e Administración Electrónica permitiu á Deputación adapatarse en tempo récord ao teletraballo para seguir prestando os seus servizos aos concellos e a cidadanía.

Páxinas suxeridas