Estás en:Novas

A área de Cultura da Deputación da Coruña reúnese cos distintos sectores para avanzar na saída á crise do COVID19

Un encontro cos membros da coordinadora de festivais audiovisuais Proxecta inaugurou a rolda de encontros

Xurxo Couto reclama "flexibilidade" doutras administracións para apoiar a cultura galega neste momento de crise

A área de Cultura da Deputación da Coruña reúnese cos distintos sectores para avanzar na saída á crise do COVID19

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, reuniuse con representantes de festivais audiovisuais agrupados na coordinadora Proxecta co fin de chegar a acordos para contribuír a superar a crise provocada no sector pola COVID19. A xuntanza virtual é a primeira das que desde a área de Cultura se desenvolverán cos distintos ámbitos do sector para paliar os efectos negativos que a pandemia está a provocar de maneira especial en entidades, empresas e persoas autónomas da cultura.

A reunión cos membros de Proxecta foi a primeira da rolda de contactos que a área de Cultura da Deputación da Coruña desenvolverá con representantes dos distintos ámbitos do sector co fin de axustar a súa acción política ás solucións máis eficaces dado o novo panorama provocado pola COVID19.  En concreto, no que respecta aos festivais audiovisuais, na xuntanza valorouse a posibilidade de prolongar o prazo das actividades xustificábeis das dúas liñas de axudas da Deputación da Coruña até o 31 de marzo do ano 2021 co fin de garantir o desenvolvemento da maior parte dos festivais que optaron polos cambios de data debido á pandemia.

"Desde a área de Cultura da Deputación da Coruña apostamos pola reprogramación da actividade cultural e intentamos, na medida das nosas posibilidades, que haxa cancelacións pola pandemia polo que estasmos a traballar na adaptación das convocatorias a esta situación que obriga a unha implicación das administracións públicas co fin de colaborar no futuro do nosos sector cultural", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

Neste sentido, avanzou na reunión a vontade de prolongar o prazo de realización de actividades e de xustificación e convidou "a outras institucións que apoian a actividade cultural a facer o mesmo co fin de darlle as máximas facilidades posíbeis a un sector que está a sufrir de maneira especial os efectos desta extraordinaria crise", afirma o deputado de Cultura.

Desde o servizo de Cultura veñen de dirixirlle unha carta a todos os festivais que concorren ás dúas liñas de axudas -unha para concellos e outra para entidades- co fin de coñecer de primeira man o estado dos proxectos, as posíbeis cancelacións e cambios de data ou mesmo novos formatos que se estean a experimentar para o desenvolvemento das actividades previstas."Non temos dúbida de que na situación actual é preciso flexibilizar ao máximo as condicións para contribuír a que a nosa cultura poida continuar camiñando nunhas condicións tan adversas", comenta Couto.

Na carta dirixida aos festivais, o deputado apunta que o obxectivo é "responder da maneira máis acaída ás urxencias do momento e que as nosas liñas -proxectadas e con prazo de presentación rematado antes do inicio do estado de alarma- se adapten ás difíciles circunstancias que vivimos e, na medida do posíbel, acompañen á organización nas decisións que tomen para garantir tanto á saúde xeral como a viabilidade dos proxectos".

Lembra tamén a aposta da Deputación pola reprogramación das actividades e o seu apoio á campaña #nonnoscanceles que está a dinamizar o sector cultural para facer fronte á crise producida pola pandemia.

Xunto co deputado de Cultura, Xurxo Couto, participaron na xuntanza por parte da Deputación da Coruña os asesores Xavier Campos e Álvaro García e por parte de Proxecta, Ana Domínguez de (S8) Mostra de Cinema Periférico, Gonzalo E. Veloso do Intersección. Contemporary Audiovisual Art Festival, Pela del Alamo de Curtocircuíto - International Film Festival, Manolo González do Chanfaina Lab, Sonia Méndez de Carballo Interplay e Ana Estévez da #MICE do Museo do Pobo Galego.

Desde Proxecta agradeceron a xuntanza e a vontade mostrada para "facer todo o posible por abeirar ao sector, cunha serie de medidas concretas para facilitar a adaptación das programacións á excepcionalidade deste 2020 sen que isto repercuta na xa precaria situación dos e das profesionais que traballan nos festivais de cinema da provincia da Coruña, onde se celebran unha parte importante dos máis de corenta que hai en toda Galicia."

Páxinas suxeridas