Estás en:Novas

O confinamento incrementa o uso da Biblioteca dixital da Deputación da Coruña

Aumenta e mellora o servizo que amplía o número de persoas destinatarias

Conta con máis de 4.400 títulos e realizou máis de 15.000 préstamos

O confinamento incrementa o uso da Biblioteca dixital da Deputación da Coruña

A Biblioteca da Deputación da Coruña rexistra a través do seu servizo dixital que a lectura se está a incrementar neste tempo de confinamento. Nos primeiros días de abril experimetouse un importante aumento no préstamo dixital e tamén no rexistro para a participación nos clubs de lectura virtuais. A Biblioteca mellorou estes servizos para responder ás necesidades provocadas polo confinamento a raíz da COVID19.

Máis libros prestados a máis persoas é o balance do servizo dixital da Biblioteca da Deputación da Coruña que rexistrou case mil solicitudes só nos primeiros días do mes de abril. Desde que se decretou o estado de alarma, a Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña viuse na obriga de pechar a súa sede física e, de maneira inmediata, optou pola mellora do servizo dixital, abrindo a todas as persoas mesmo non rexistradas, das catro provincias galegas, non só da Coruña como até entón, e aumentando o número de títulos tanto libros como outros materiais.

Durante esta situación de confinamento, incrementouse exponencialmente o número de persoas lectoras que utilizan a plataforma dixital, que xa leva realizados 15.368 préstamos, 909 deles nestes primeiros días de abril.

"Na Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña non só traballamos para seguir dando servizo a través das nosas ferramentas dixitais, que xa estaban en activo, senón tamén para intensificar e mellorar os nosos produtos en liña", destaca a directora da Biblioteca, Loli Liaño que sinala como unha das primeiras accións abrir a EbiblioDaCoruna (https://ebibliodacoruna.odilotk.es/) ás catro provincias e a calquera persoa, sexa ou non socia dunha biblioteca. Con esta medida, permítese que calquera persoa interesada acceda libremente á plataforma e descargue gratuitamente ao seu lector os contidos que lle interesen, ata 5 ao mesmo tempo.

Por outra banda, incrementouse o número de recursos dispoñibles a través dunha intensificación das compras de libros, de xeito que máis de 4.400 títulos están accesibles na Biblioteca dixital da Deputación da Coruña, tanto as últimas novidades como clásicos da literatura, cursos de idiomas, libros de ocio como de cociña ou deporte, exemplares en inglés ou francés, revistas das máis variadas temáticas, audiolibros, contos para os máis pequenos...

A biblioteca xa conta con 4.194 libros dixitais, 153 audiolibros, 27 cabeceiras de revista (de deporte, lectura, informática, cociña, decoración, xardinaría ou ocio en xeral), e 6 xornais, entre outros contidos.

Neste sentido e na liña de mellorar o servizo, a semana pasada aplicouse unha remodelación do deseño da biblioteca dixital, cun acceso máis rápido aos libros e ás buscas, permitindo enlazar coas redes sociais e puntuar ou comentar os libros (http://deputaciondacoruna.tubiblioweb.com/novo-deseno-e-funcions-da-ebibliodacoruna/).

Club de lectura

Por outra banda, todas as persoas lectoras tamén teñen acceso libre ao Club de lectura dixital (https://ebibliodacorunaclub.odilotk.es/), onde len, comentan e comparten lecturas. Nas dúas salas de lectura das que consta o Club participan nestes momentos 98 persoas, e no pouco máis dun ano que leva en funcionamento léronse e comentáronse colectivamente 13 títulos. No club tamén se celebran efemérides destacadas como o Día da Poesía, o Día do Teatro ou o Día do Libro, no que os lectores comparten fragmentos das súas obras preferidas. A esta participación súmanse os encontros virtuais con autores como Pedro Feijoo, ou o último con Ledicia Costas que se vén de realizar xustamente durante estes días de confinamento. 

Páxinas suxeridas