Estás en:Novas

A Deputación destina preto de 7 millóns de euros para contratar a 280 profesionais dos servizos sociais nos concellos da provincia

O programa inclúe o financiamento de 291.000 horas de servizo de axuda no fogar nos municipios

En plena crise do Covid-19, o Goberno provincial dá luz verde a un programa que permite aos concellos de menos de 20.000 habitantes reforzar os seus servizos sociais cando son máis necesarios

González Formoso afirma que programas coma este garanten asitencia social en toda a provincia e permitirán "non deixar a ninguén atrás na saída da crise

A Deputación destina preto de 7 millóns de euros para contratar a 280 profesionais dos servizos sociais nos concellos da provincia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, vén de asinar a resolución que dá luz verde ao programa provincial de servizos sociais comunitarios 2020, cun investimento de 6.865.445 euros que se destinarán á contratación de 280 profesionais da área social nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia.

O programa permite aos pequenos e medianos municipios dotarse de persoal técnico especializado, persoal administrativo de apoio e de axuda a domicilio. Uns profesionais que atenden cada día as necesidades de miles de cidadáns con problemas de índole social e económica, que con frecuencia pertencen a colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres vítimas de violencia, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos ou con discapacidade.

"Con programas coma este, a Deputación busca non deixar a ninguén atrás na saída á crise sanitaria que estamos vivindo e que implicará tamén serias consecuencias sociais e económicas para moitas persoas e moitas familias", afirmou o presidente da Deputación, que subliñou que, en plena crise do Covid-19, o plan de servizos sociais comunitarios "é máis necesario que nunca, pois permite á cidadanía contar cuns servizos sociais profesionais e de calidade, independentemente do lugar onde vivan", afirmou.

González Formoso destacou tamén a importancia que ten o apoio económico que presta o programa para o mantemento dos servizos de axuda a domicilio dos concellos, "que están cumprindo un papel fundamental para garantir a atención e o benestar de miles de persoas maiores ou dependentes en  toda a provincia".

291.000 horas de axuda a domiclio para maiores e dependentes

A través deste programa, a Deputación cofinancia 291.000 horas de servizo de axuda a domicilio cun prezo de 12 euros por hora. Tamén se financia o 100% do salario das persoas contratadas como persoal administrativo (18.000 €/ano), persoal técnico A2 (22.000 €) e persoal técnico A1 (26.000 €).

O presidente subliñou tamén que o goberno provincial traballa nunha "reestruturación a fondo" dos orzamentos da Deputación para 2020, na que "emprego e servizos sociais serán as prioridades absolutas".

As contías e módulos destinados aos concellos dentro do Programa de Servizos Sociais Comunitarios Municipais 2020 son as seguintes:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2020/04/14/2020_0000002353.pdf

Páxinas suxeridas