Estás en:Novas

Os libros gañadores dos Premios Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña chegan ás librarías

"A Caza" de Alberto Vázquez e "Uxío" de Martín Romero -primeiro na categoría infantil- achegan novos títulos de dous dos autores galegos máis recoñecidos

A Deputación da Coruña anima a mercar nas librarías para contribuír a paliar a crise da Covid19

Os libros gañadores dos Premios Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña chegan ás librarías

Coa apertura das librarías despois do confinamento chegan como novidades en banda deseñada os dous libros gañadores do Premio Castelao da Deputación da Coruña. "A Caza" do premiado Alberto Vázquez e "Uxío" de Martín Romero, o primeiro na categoría infantil e xuvenil, están xa a dispor do público lector nos puntos de venda.

Dous libros de banda deseñada con premio atópanse estes días nas novidades das librarías que acaban de abrir as súas portas despois do confinamento. Trátase de "A Caza" de Alberto Vázquez e "Uxío" de Martín Romero, obras gañadoras da décimo cuarta edición do Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña. O deputado de Cultura, Xurxo Couto, aproveita a saída destes novos títulos para animar "a mercar nas librarías, espazos culturais de primeiro nivel que merecen o noso coidado e o noso apoio para superar a crise tan forte provocada pola COVID19".

Alberto Vázquez (A Coruña, 1980), é un dos máis recoñecidos autores do panorama galego, gañador, entre outros recoñecementos, de tres Premios Goya, por "Birdboy", "Psiconautas" e "Decorado". A súa nova obra "A Caza" goza, segundo o xurado, dun "grafismo moi sólido realizado coa técnica do sumi-e con tinta chinesa". "Crea un mundo propio e persoal a través dun debuxo expresivo que xera unha unidade narrativa con imaxes que se manteñen na retina do lector".

Alberto Vázquez é director de animación, ilustrador e debuxante de cómics con libros editados en España, Francia, Italia, Brasil e Korea e ilustracións publicadas en medios de todo o mundo. Escribiu e dirixiu curtas como "Birdboy", "Sangre de Unicornio" ou "decorado", baseados nos seus cómics. Ademais dos tres premios Goyas, Alberto Vázquez obtivo máis de 100 premios internacionais, entre eles, o do Festival de Annecy, Chicago, Premios platino, Foyle (preseleccionado para os Óscar), Expotoon ou Meliés de prata. As súas obras foron exhibidas en prestixiosos festivais de todo o mundo como Cannes, EFA Award, Toronto, Annecy, Clermord-Ferrand, Animafest Zagreb ou Slamdance. Vén de rematar a súa primeira longametraxe de animación "Psiconautas, os nenos esquecidos", do que é director, guionista, director de arte e baseado na súa novela gráfica do mesmo nome.

Primeiro gañador en infantil e xuvenil

A novidade desta última edición do Premio Castelao de Banda Deseñada é que achega por vez primeira unha obra gañadora da modalidade de infantil e xuvenil. Trátase de "Uxío" de Martín Romero (Boiro, 1981) da que o xurado destacou o dominio das "posibilidades narrativas do medio, dun xeito diverso e interesante" cun transfundo reflexivo de moito interese para o público infantil e xuvenil. Tamén fixo referencia ao "uso humorístico, divertido, adaptado á idade, cunha filosofía sobre a vida e a cotidaniedade dun xeito lixeiro e poético".

Martín Romero é ilustrador, autor de cómics e director de animación, disciplinas que combina para desenvolver os máis diversos proxectos. Como ilustrador realiza traballos que van desde o ámbito publicitario até o editorial. Os seus cómics "Las fabulosas crónicas del ratón taciturno" (2011), Episodios Lunares (2015) e "La deuda" (2017). Martín Romero acaba de dirixir a súa primeira curtametraxe de animación titulada "La noche".

O deputado da área de Cultura, Xurxo Couto, destaca a altísima calidade das obras gañadoras, "con autores de xa moito recoñecemento nun sector que ten na nosa cultura un altísimo nivel. Non hai dúbida de que os dous libros do Premio Castelao están chamados a ser obras de referencia da banda deseñada galega". O xurado do XIV Premio Castelao de Banda Deseñada estivo composto por Gema Sesar, Kiko da Silva, Antonio Navarro Santalla e Albert Monteys ademais da xefa do servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat que actuou como secretaria e o deputado da área de Cultura, Xurxo Couto en calidade de presidente e O premio está dotado con 6.500 euros ademais da publicación da obra que correu a cargo da propia Deputación da Coruña.

Páxinas suxeridas