Estás en:Novas

A Deputación da Coruña mantén os premios culturais como necesario apoio ao sector da creación

Convocaranse oito categorías de narrativa, banda deseñada, artesanía, poesía música, arte gráfica e iniciativas culturais pola igualdade

A Deputación da Coruña mantén os premios culturais como necesario apoio ao sector da creación

A área de Cultura da Deputación da Coruña convocará nas próximas semanas os oito premios culturais que estaban previsto para este ano como apoio ao sector da creación en distintas disciplinas artísticas. "A creación está a ser a grande esquecida nos plans de recuperación e nós non queremos esquecer o seu importantísimo papel para a dinamización da nosa cultura", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

O Torrente Ballester de narrativa, o Antonio Fraguas de artesanía, o Miguel González Garcés de Poesía, o Raína Lupa de literatura infantil e xuvenil, o Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais, o Jesús Núñez de Arte Gráfica e o Begoña Caamaño á acción social pola igualdade de xénero son as convocatorias de premios da área de Cultura da Deputación da Coruña que verán a luz nas próximas semanas para abrir o prazo de entrega de traballos que os xurados resolverán neste mesmo ano.

"A área de Cultura da Deputación da Coruña quere, co mantemento dos premios culturais neste momento tan difícil, apoiar a creación nas diversas disciplinas, un ámbito que se está a esquecer nos plans de liñas de axuda para a recuperación da cultura e que, ao noso ver, é fundamental para a revitalización do sector e trabe tamén da industria cultural", explica o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

As convocatorias irán saíndo publicadas nas próximas semanas e, nalgúns casos, en especial no que toca ás programacións paralelas de difusión e actividades ao vivo adaptaranse ás condicións sanitarias, garantindo en todo momento a saúde pública. Para o deputado de Cultura, Xurxo Couto, "manter as convocatorias, adaptadas ás novas situacións, significa dar continuidade a un labor de apoio á creatividade e, tamén de recoñecemento do traballo que están a facer as creadoras e creadores deste país que se enfrontan a un tempo difícil polos durísimos efectos do coronarias na cultura".

Dos premios que este ano se convocan, o Torrente Ballester de narrativa chegará a súa 32 edición como o máis lonxevo do catálogo de certames culturais da Deputación da Coruña, seguido do González Garcés de poesía que cumpre este ano a súa vixésima convocatoria. Quince serán as edicións que cumpra o Castelao de Banda deseñada, unha máis que o Fraguas de artesanía e o Raína Lupa de Literatura infantil e xuvenil, e tres máis que o Fran Pérez Narf para grupos e artistas musicais. O máis novo dos premios deste ano é o Begoña Caamaño de iniciativas culturais pola igualdade de xénero que dará neste ano o seu cuarto premio.

Páxinas suxeridas