Estás en:Novas

A Deputación da Coruña convida ás entidades culturais a adaptar os seus programas ás esixencias do coronavirus

Dá a oportunidade de modificar as memorias que foron presentadas para as liñas de subvencións da área de Cultura

A Deputación da Coruña convida ás entidades culturais a adaptar os seus programas ás esixencias do coronavirus

As asociacións culturais terán oportunidade de modificar as programacións culturais que presentaron ás subvencións da Deputación da Coruña para adaptalas ás esixencias provocadas polo coronavirus. A área de Cultura ofrece esta posibilidade para modificar aquelas iniciativas que o confinamento e as limitacións para actos públicos obrigou a cancelar.

O prazo para que as entidades culturais se presentasen ás liñas de axuda da Deputación da Coruña remataba o pasado 6 de marzo pero a Covid19 fixo que fose imposíbel realizar algunhas das actividades das programacións que concorrían á convocatoria. Por iso, a área de Cultura da Deputación da Coruña ofrécelle ás asociacións a oportunidade de modificar as súas solicitudes e adaptar os programas ás novas condicións sanitarias que impediron até agora e limitan nos próximos tempos as iniciativas multitudinarias.

"A área de Cultura da Deputación da Coruña está a adaptar todas as liñas de acción á situación provocada pola pandemia e, desta maneira, somos conscientes de que moitas actividades previstas non se poderán facer e outras serán modificadas co cal estamos axustándonos en tempo real a estas condicións", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto ao tempo que anuncia máis novidades da acción de goberno nesta área co fin de ser eficaz e responder aos condicionantes do momento.

En concreto, serán as liñas de subvencións FO200, FO203 e FO213 destinadas ao apoio de programas de actividades da cultura de base nas que se poderán introducir modificacións nas propostas presentadas. Son as convocatorias destinadas a entidades sen ánimo de lucro, as entidades titulares de museos, centros de interpretación ou bibliotecas e tamén ás corais polifónicas, bandas de música populares e entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de grande formato.

"Desde a área de Cultura da Deputación da Coruña consideramos que o apoio ao tecido asociativo é de vital importancia para manter o dinamismo cultural e, por iso, quixemos adaptar as nosas liñas de axuda á situación que estamos vivindo que está a afectar de maneira directa ao tecido cultural", sinala Xurxo Couto. Desta maneira, permitirase ás asociacións a reformulación das propostas de actividades tendo en conta que moitas delas serán inviábeis pola crise do COVID19. As entidades terán dez días naturais para modificar os programas desde a recepción do aviso. 

Páxinas suxeridas