Estás en:Novas

O coworking Pazo de Arenaza da Deputación inicia a “nova normalidade”

A Deputación reabre a actividade presencial no centro, baixo estritos protocolos de seguridade

González Formoso e Rioboo mantiveron unha reunión telemática cos emprendedores, que presentaron un proxecto colaborativo desenvolvido no período de confinamento

O coworking Pazo de Arenaza da Deputación inicia a “nova normalidade”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado responsable da área de Emprego, José Ramón Rioboo, reuníronse onte por videoconferencia cos emprendedores e emprendedoras do coworking Pazo de Arenaza, aos que comunicaron o reinicio da actividade presencial nas instalacións. Estes días comezaron os preparativos e a partir da vindeira semana, os que o desexen poderán retomar a súa actividade presencial nas oficinas do pazo.

González Formoso e Rioboo interesáronse tamén polo estado dos seus proxectos empresariais e polas consecuencias que a crise da COVID19 tivo nos mesmos.

Ao longo do encontro virtual, os coworkers amosaron a súa satisfacción polo feito de poder retomar a súa actividade profesional e empresarial nas instalacións do pazo oleirense.

Tanto os servizos de Prevención e Saúde Laboral da Deputación coma WeKCo, a empresa encargada do servizo de xestión do espazo, traballaron conxuntamente para definir o protocolo a seguir nas instalacións para asegurar a seguridade dos usuarios de Arenaza.

Proxecto colaborativo no ámbito da arquitectura sostible

Durante o encontro, os "arenazers" presentaron un proxecto colaborativo, no que participaron 15 dos 28 coworkers do pazo, que xurdiu das reunións virtuais durante o confinamento.

Belén Bouza, arquitecta técnica especializada en construción con madeira, fixo unha introdución do proxecto CasaPosCovid, que pretende definir como adecuar as vivendas actuais e deseñar as novas construcións para que sexan espazos adaptados ás necesidades da "nova normalidade".

Pola súa banda, a Deputación ofreceu a súa axuda para apoiar e dar visibilidade a proxectos deste espazo de coworking especializado en Arquitectura e Urbanismo, que como CasaPosCovid teñen un gran interese social.

Formación e impulso a novos proxectos

O período de confinamento, se ben supuxo un parón de actividade comercial para a meirande parte dos proxectos do Pazo, tamén foi a escusa para que case todos aproveitasen este tempo para incorporar novos coñecementos a través da formación e tamén para levar a un formato online a venda e prestación dos seus servizos. Carmen Figueroa, Angélica Vidal, Virginia Romera ou Francisco Porto expuxeron neste senso as súas experiencias e casos particulares.

Doutra banda, Marta Trigás, arquitecta especializada en sostibilidade e Passivhaus, destacou o feito de que, con motivo do COVID, xurdíronlle novos proxectos relacionados coa eficiencia enerxética a partires da intención dalgunhas empresas por axudar a reactivar a economía.

O encontro virtual rematou coa explicación detallada dos protocolos Anti-COVID que deberán cumprir os usuarios/as do Pazo de Arenaza.

--

Páxinas suxeridas