Estás en:Novas

A Deputación da Coruña súmase ao Día das Letras cunha campaña de apoio ao libro galego

A área de Normalización Lingüística acompañará o reinicio da actividade dun sector estratéxico dende o punto de vista cultural e económico

#LibrosparaSermosLibres difundirá a través de internet contidos audiovisuais e escritos dirixidos a fomentar a lectura na nosa lingua

Ata mediados de xuño, o proxecto sorteará 'Bonos-libros' que se poderán utilizar nas librarías que libremente elixan

A Biblioteca Provincial promove actividades en rede arredor da conmemoración do 17 de maio

A Deputación da Coruña súmase ao Día das Letras cunha campaña de apoio ao libro galego

A área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña conmemora Día das Letras Galegas co programa #Librosparasermoslibres que ten como obxectivo apoiar o sector do libro en toda a súa cadea de valor e promover a lectura e a compra de libros. "Neste tempo era a opción que nós parecía máis adecuada para contribuír á recuperación do sector e para honrar a figura de Ricardo Carvalho Calero", destaca a deputada María Muíño.

Nestes momentos especialmente duros para o sector cultural galego, a Deputación da Coruña a través das áreas de Normalización Lingüística e Cultura quere aproveitar a conmemoración do Día das Letras para iniciar unha campaña de promoción do libro galego, un sector primordial para a nosa identidade cultural mais tamén de notable importancia dende o punto de vista económico.

Con este obxectivo, a área de Normalización Lingüística lanzará esta mesma fin de semana '#LibrosparaSermosLibres', un proxecto que ademais de difundir a vida e obra de Ricardo Carvalho Calero fomentará o consumo do libro galego nun momento clave en que o sector reinicia a súa actividade comercial.

"Pensamos que a actual situación se impón en todos os ámbitos sociais e nesta conmemoración non podíamos ficar á marxe da crise que atravesa o sector do libro galego e por iso deseñamos un programa para promover a lectura e tamén animar a mercar libros galegos", destaca María Muíño dun programa a través do que tamén se sortearán vales para mercar títulos en galego nas librarías da provincia da Coruña.

A campaña, que se desenvolverá en internet ao longo de todo o mes de maio e durante a primeira quincena de xuño, animará a internautas de todas as idades a consumir libros en galego e fará fincapé na importancia de fomentar tamén a lectura entre as crianzas da casa.

O material que se divulgará nas redes sociais combinará contidos escritos e audiovisuais, nos que terán un papel central todos os actores do mundo editorial: dende as creadoras ata o público lector.

A importancia de chegar a novos públicos

Dende a área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña fan especial fincapé na necesidade de que esta campaña sirva para consolidar o público habitual do libro galego mais tamén para chegar a novos públicos. Neste sentido, o proxecto '#LibrosparaSermosLibres' difundirá na rede contidos pensados para todo tipo de lector adulto pero tamén para os máis miúdos. Para iso publicaranse nas redes pequenos enigmas tipo trivial sobre libros da nosa literatura infantil e xuvenil.

Concurso #LibrosAbertos e sorteo de 'bonos-libros'

A campaña '#LibrosparaSermosLibres' convidará a internautas a participar no concurso 'Libros Abertos'. Nun tempo máximo dun minuto as persoas participantes recomendarán en vídeo un libro en lingua galega e etiquetarano cos cancelos #LibrosAbertos e #LibrosparaSermosLibres'. Entre todos os participantes sortearanse 'bonos-libros' que se poderán empregar en calquera libraría da provincia da Coruña.

Programa da Biblioteca da Deputación da Coruña

Desde a Biblioteca Provincial da Coruña estase a desenvolver tamén un amplo programa de actividades arredor da figura de Ricardo Carvalho Calero botando man de maneira especial nesta ocasión das súas ferramentas dixitais. Estas son algunhas das iniciativas promovidas polo equipo da biblioteca:

· Carrusel de libros na EbiblioDaCoruna con lecturas sobre o homenaxeado esta edición, e en outras anteriores. Pódese acceder a eles coas claves da EbiblioDaCoruna. Máis de 90 obras dispoñibles!

· Actividade literaria para todos os membros do Club de lectura virtual o día 17 de maio (pódese entrar no Club coas claves da EbiblioDaCoruna): "Os versos e a poesía de Ricardo Carballo Calero".

· Álbum sobre a vida e obra de Ricardo Carballo Calero e a súa contribución á literatura e á lingüística do galego. Pódese descargar nesta ligazón: Ricardo Carvalho Calero_Letras Galegas 2020_ Biblioteca da Deputacion da Coruña

· A miña palabra favorita! Enquisa nas redes sociais Twitter e Instagram sobre a túa palabra galega favorita de varios campos semánticos. Todos os días iremos facendo unha enquisa nas redes, e o domingo 17 publicaranse os resultados coas máis votadas.

· Bookfacefriday especial Letras Galegas. A Biblioteca Provincial participa nesta iniciativa que se desenvolve en todo o mundo de de tomar unha fotografía combinando a portada dun libro con persoas reais que se publica en Instagram co cancelo #bookfacefriday.

· E ti de quen vés sendo? Especial Letras Galegas. Segues os nosos #Etidequenvessendo? A adiviñanza nas nosas redes sociais sobre unha personaxe literaria que facemos todas as semanas de luns a venres, orientámola nesta semana a unha personaxe relacionada con Galiza.

Páxinas suxeridas