Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destaca a transcendencia da figura de Ricardo Carvalho Calero

Avoga por unha conmemoración "sen confinamentos" cando as circunstancias o permitan

A Deputación da Coruña destaca a transcendencia da figura de Ricardo Carvalho Calero

A Deputación da Coruña, destaca a transcendencia da figura de Ricardo Carvalho Calero e desexa que se poida realiza unha conmemoración "sen confinamento" para a festa do Día das Letras Galegas. A institución difunde o legado do escritor na campaña "Libros para sermos libres" e organizará unha exposición en outono.

"Trátase, sen dúbida, dunha das principais figuras da historia de Galiza do século XX, cunha obra literaria de grande valor mais tamén cun traballo de investigación que foi clave para a recuperación da lingua e literatura galega", destaca a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño que, seguindo  tamén o seu legado, chama a sumarse a campañas como a de Queremos Galego para conmemorar o Día das Letras Galegas nas varandas, xanelas e na rede co cancelo #PrecisamosDoGalego #QueremosGalego #17demaio #Eufalogalego

Desde a Deputación da Coruña, faise especial fincapé na intensa relación que Ricardo Carvalho Calero mantivo con dúas das cidades da provincia, Ferrol do nacemento e Santiago de Compostela onde desenvolveu boa parte da súa vida de escritor, investigador e mestre de moitas xeracións de profesores e profesoras que aínda recordan o seu maxisterio ademais do compromiso político cos dereitos do pobo galego.

Unha exposición en outono

"Pola estreita vinculación que don Ricardo Carvalho Calero ten con Ferrol e Santiago, na Deputación da Coruña temos un especial compromiso por contribuír á difundir a inmensa dimensión da súa figura e lamentamos que este tempo de confinamento non sexa o máis acaído para que iso aconteza", valora o deputado de Cultura, Xurxo Couto que anuncia unha exposición sobre o escritor homenaxeado que visitará distintos concellos da Coruña no outono.

Por esta razón, súmanse ás voces que piden unha celebración como merece o homenaxeado e, de non ser posíbel a conmemoración na súa amplitude en outubro, convida a repensar a celebración e estudar a prolongación do Día das Letras Galegas a Carvalho Calero para o próximo ano. "Sería unha medida extraordinaria, mais tamén así o é a situación e a relevancia da figura á que a Real Academia Galega decidiu dedicar este ano, despois de tanto tempo en agarda", defende María Muíño.

Considera así que é de agardar que en outono, o escritor poda ser homenaxeado socialmente como merece mais, de se dar un rebrote do coronavirus, agarda que se considere a proposta de trasladar a celebración a 2021 porque "sería moi inxusto que o ano de Carvalho Calero ficara tamén confinado".

Ademais da exposición que ten previsto itinerar polos concellos da Coruña, a Deputación desenvolve outras actividades como o programa "Libros para sermos libres! que, xunto coa difusión da figura de Carvalho Calero, ten como obxectivo promocionar a lectura e a compra de libros galegos nun momento en que o sector precisa apoios para a súa recuperación. 

Páxinas suxeridas